Hoxe comeza o Obradoiro de Poesía, da Escola de Letras, con Elvira Ribeiro Tobío

Categoría: Nova
Hoxe comeza o Obradoiro de Poesía, da Escola de Letras, da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia, con Elvira Ribeiro Tobío, en Pontevedra.
Celebrarase no Edificio Administrativo da Deputación Provincial, en Pontevedra, os días 18 e 25 de outubro, en horario de 18:00 a 20:00 h. O obradoiro, que leva por título “Onde nace o poema”, busca que todas as persoas participantes indaguen na orixe da creación poética. O obxectivo principal é estudar a orixe da escrita e a súa manifestación a través da palabra.
Usando distintas técnicas, exploracións coa linguaxe e xogos, o alumnado construirán os seus propios textos. A docente baseará as súas clases en textos de poetas galegas e internacionais, poñendo en valor os procesos mentais, os azares que moven ás escritoras e escritores a escribir poesía.
Elvira Ribeiro Tobío (Pontevedra, 1971) Para público adulto deu ao prelo “Andar ao leu” (2005), “Arxiloxa” (2005), “Biografía da Multitude” (2009), “carnia haikai” (2012), “corpos transitivos” (2013) e “Welcome to Sing Sing” (2017). No ámbito da literatura infantil, publicou os volumes “pAlAbrAs brAncAs” (2008), “As redes de Inés” (2014), a biografía da pintora Maruja Mallo na colección “Mulleres Bravas da Nosa Historia” (2017) e mais os álbums ilustrados “Ola!, son un bicho bóla!” (2019) e “Mar de mazá” (2020). Dedícase fundamentalmente á docencia e á tradución.
A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e Editorial Galaxia é a primeira de Galicia e un dos poucos proxectos deste tipo existentes no Estado español. A iniciativa, que naceu o pasado ano 2020, busca fomentar o talento na provincia e xerar un espazo de encontro entre autoras e autores consagrados e persoas amantes da literatura galega, a través dun variado abano de obradoiros, de novela, relato ou poesía, para todas as idades.

Comparte nas túas redes sociais ou por email