A Escola de Letras dá o salto internacional na Feira do Libro de Frankfurt

Categoría: Nova

Este ano a Editorial Galaxia participará na Feira do Libro de Frankfurt, a máis importante do mundo, nesta edición dedicada a España.
A escola de Letras, impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia, pioneira en Galicia e unha das poucas existentes no Estado, dá o salto internacional o xoves 20 de outubro, ás 10 h, no Hall 4.1 stand D4, nun acto que leva por título Ensinar a escribir: A Escola de Letras de Pontevedra.
No mesmo, expoñeranse as principais liñas do programa, a súa relación cos cursos e o público obxectivo ao que vai dirixido o proxecto. Ademais, os directores da Escola explicarán os propósitos da mesma, como un exemplo educativo aberto ao público con entrada de balde.
Participarán Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra, Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia e da Escola de Letras, e Inma López Silva, autora e docente da Escola.
A Escola de Letras naceu o pasado ano 2020, brindando tres exitosas edicións nas que todas as persoas interesadas puideron formar parte deste refuxio para os amantes da palabra. O seu obxectivo principal é fomentar o talento na provincia e xerar un espazo de encontro entre autoras e autores consagrados e persoas amantes da literatura galega, a través dun variado abano de obradoiros, de novela, relato ou poesía, para todas as idades.

Comparte nas túas redes sociais ou por email