O xoves 29 de xaneiro, celebrarase, ás 12 h, no MARCO de Vigo (Galería B1, 1º andar), unha rolda de prensa arredor da exposición UN PAÍS ILUSTRADO. As cubertas de Galaxia. A apertura de portas ao público celebrarase ao día seguinte, venres 30 de xaneiro, ás 20 h.
Nesta presentación intervirán Abel Caballero, alcalde de Vigo e presidente da Fundación MARCO; Xosé Manuel Soutullo, director de Editorial Galaxia; Xurxo Martínez González, comisario da exposición; e Miguel Fernández-Cid, director do MARCO.
Un proxecto expositivo que pon o foco no protagonismo e relevancia dos deseñadores que traballaron na Editorial Galaxia ao longo dos seus 75 anos de historia. O propósito é traer ao primeiro plano o labor de deseño e imaxe da editorial a través dunha mostra das cubertas de Galaxia, organizadas segundo criterios cronolóxicos e temáticos.

A mostra comeza cunha contextualización da Editorial Galaxia como proxecto, dende as motivacións dos seus fundadores en 1950, ata os novos horizontes do actual equipo, con especial atención á figura de Xaime Isla Couto, polo seu descoñecido papel no deseño de Galaxia. A partir de aquí, a montaxe organízase en catro seccións coincidentes coas etapas á fronte do deseño editorial de Xohán Ledo (1950 -1979), Francisco Mantecón (1979 -1985), Manuel Janeiro (1979 -2010) e Hayat Husein (de 2010 ata o presente). Ao fondo da sala, unha escolma de obras pictóricas, como exemplo de como a Editorial Galaxia escolleu determinados detalles de cadros para ilustrar as capas dos seus libros e coleccións.