Editorial Galaxia publica Os toribios, de Carlos Casares, con ilustracións de Sandra Lodi e limiar de Montse Pena. Este volume pecha a colección Biblioteca 75 aniversario, un proxecto editorial que ao longo de todo o ano conmemorou os 75 anos de historia de Galaxia.
Os toribios reúne unha das creacións máis recoñecibles de Carlos Casares arredor da figura de Toribio, protagonista dunha serie de relatos breves cheos de imaxinación e humor: Toribio contra o profesor Smith, Toribio e o contador de contos, Toribio ten unha idea ou Toribio revoluciona o tráfico. Textos que seguen a dialogar co lectorado actual, enriquecidos co traballo de Lodi.
As ilustracións de Sandra Lodi teñen un papel central nesta edición. O seu traballo visual achega unha lectura fresca do universo de Toribio, reforzando o carácter expresivo dos relatos e ofrecendo unha interpretación gráfica que dialoga co texto, ampliando a experiencia lectora e achegando novas capas de significado.
Carlos Casares Mouriño naceu en Ourense en 1941 e morreu en Vigo en 2002. Escritor e crítico literario, foi unha das personalidades máis importantes da cultura galega das últimas catro décadas. É autor de obras tan significativas como as novelas Ilustrísima e Os mortos daquel verán e os libros de relatos Vento ferido e Os escuros soños de Clío. Dirixiu a editorial Galaxia e a revista Grial ata o seu pasamento.
Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no ano 2017.
Sandra Lodi (Lugo, 1990) É unha ilustradora, deseñadora e artista plástica lucense afincada en Santiago de Compostela. Estudou Belas Artes na Universidade de Salamanca, época en que tamén tivo a oportunidade de coñecer o método de produción creativa da Accademia di Brera (Milán).
Actualmente publica as súas ilustracións na revista satírica Mongolia e na publicación semanal El Estafador, ademais de colaborar con outros xornais como ilustradora de prensa.
En 2019 foi premiada co Segundo Premio Curuxa de Humor gráfico do Museo Xaquín Marín e en 2021 a súa obra pictórica foi seleccionada na XII Bienal de Pintura Eixo Atlántico. En 2022 recibiu o Primeiro Premio no combate mural do Culturbán (Lugo), e en 2023 no IV Certame de Pintura do Festival de Cans. Gañou, en 2024, o IV Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado coa obra Papóns, publicada en Editorial Galaxia, e ilustrou Sucos, de Ignacio Vidal Portabales (Premio Simbad para o Recordo e o Alzhéimer 2023), publicado na colección Árbore de Editorial Galaxia.