Hoxe, xoves 29 de xaneiro, celebrarase, no MARCO de Vigo (Galería B1, 1º andar), unha rolda de prensa arredor da exposición UN PAÍS ILUSTRADO. As cubertas de Galaxia. A apertura de portas ao público celebrarase ao día seguinte, venres 30 de xaneiro, ás 20 h.

Nesta presentación interviron Abel Caballero, alcalde de Vigo e presidente da Fundación MARCO; Xosé Manuel Soutullo, director de Editorial Galaxia; Xurxo Martínez González, comisario da exposición; e Miguel Fernández-Cid, director do MARCO.
O venres 30 de xaneiro ás 20 h celebrarase a apertura de portas para todo o público. Estará dispoñible ata o 17 de maio de 2026.
A mostra está comisariada por Xurxo Martínez González, coa coordinación e deseño de Hayat Husein, e producida polo MARCO (Museo de Arte Contemporánea de Vigo), e a colaboración de Editorial Galaxia e Fundación Penzol.

UN PAÍS ILUSTRADO é un proxecto expositivo que pon o foco no protagonismo e relevancia dos deseñadores que traballaron na Editorial Galaxia ao longo dos seus 75 anos de historia. O propósito é traer ao primeiro plano o labor de deseño e imaxe da editorial a través dunha selección das cubertas de Galaxia, organizadas segundo criterios cronolóxicos e temáticos.
A mostra comeza cunha contextualización da Editorial Galaxia como proxecto, dende as motivacións dos seus fundadores en 1950, ata os novos horizontes do actual equipo, con especial atención á figura de Xaime Isla Couto, polo seu descoñecido papel no deseño de Galaxia.
A partir de aquí, a montaxe organízase en catro seccións coincidentes coas etapas á fronte do deseño editorial de Xohán Ledo (1950 -1979), Francisco Mantecón (1979 -1985), Manuel Janeiro (1979 -2010) e Hayat Husein (de 2010 ata o presente).
Ao fondo da sala, unha escolma de obras pictóricas, como exemplo de como a Editorial Galaxia escolleu determinados detalles de cadros para ilustrar as capas dos seus libros e coleccións.

O proxecto inclúe unha área dedicada á literatura infantil, a medio camiño entre sala de exposición e espazo de experimentación. Xunto a exemplares dos primeiros libros infantoxuvenís en galego publicados por Galaxia, unha selección actual e versións de clásicos da literatura.
PERCORRIDO POLA EXPOSICIÓN
Galaxia fundouse en 1950 por iniciativa do galeguismo político. Daquela a hoxe publicou moreas de libros. Obras de autorías consagradas e outras de promesas literarias.
A editorial naceu no contexto dunha ditadura militar. A detención de varios dirixentes galeguistas acentuou unha reflexión arredor dun pensamento de vello: sementar conciencia por medio dos libros.
Lonxe do agardado, Vigo sería o centro de operacións. Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto, Ramón Piñeiro e Xohán Ledo conformarán un motor capaz de sacar adiante o traballo, sen esquecer outras persoas que contribuíron de distintas formas.

Interesa reparar na capa dos libros. Esta exposición ofrece unha escolma dos catro principais deseñadores en Galaxia: Xohán Ledo, Francisco Mantecón, Manuel Janeiro e Hayat Husein. Mención especial terá Isla Couto.
Con semellante volume de publicacións, fixáronse criterios na escolla. Cada bloque ten o seu propio motivo: as primeiras coleccións, os libros do inicio da autonomía, as obras premiadas e aqueloutras máis vendidas nos últimos anos.
Incluímos tamén un espazo para os pintores relacionados con Galaxia, ben porque ilustraron o interior e o exterior do libro, ben porque formaron parte dunha efémera colección de arte nova.
Adéntrese nesta exposición e repare en como as cubertas son o primeiro contacto do público cunha obra. Por iso a creación do deseño resulta tan importante; como fascinante é pintar o rostro a un texto literario.
Xurxo Martínez González
Comisario da exposición
PERCORRIDO POLA EXPOSICIÓN
Xaime Isla Couto (Compostela, 1915 – Vigo, 2012
Xa dende rapaz uniu a súa vida a Galicia: Seminario de Estudos Galegos, Mocidades Galeguistas, grupo Ultreya e accións a prol do autogoberno.
Despois da guerra aparece na reorganización clandestina do Partido Galeguista. En 1950 propón a fundación dunha editorial: Galaxia. Dende entón ocupou cargos orgánicos até a súa morte, xa como presidente de honra.
Catedrático na Escola de Peritos Industriais e asesor xurídico da Caixa de Aforros de Vigo, Xaime quitou tempo para os proxectos editoriais e políticos. Dende a súa profesión de fe cristiá participou na fundación da editorial SEPT (1965) para a publicación de literatura relixiosa en galego.
O seu perfil no deseño pasa desapercibido de maneira inxusta. Á súa man perténcelle a imaxe corporativa de Galaxia, da Fundación Penzol, de SEPT, da Revista Galega de Economía e de Grial. Ademais disto, fundou a colección Illa Nova (1957), creada para as novas fornadas literarias, chamada así pola alianza do seu apelido co da súa dona, Cristina Novoa.
Home de constantes ideas, tivo unha especial querenza co lapis. Proba disto son as caricaturas realizadas, por exemplo, nas mesas do desaparecido café Derby. Nesta exposición posúe un espazo propio como recoñecemento público a esta faceta no deseño de Galaxia.
Na parede tamén incluímos os catro volumes, deseñados por Luís Seoane, para a colección Arte Novo (1954-1957), dedicados a Manuel Colmeiro, Xosé Eiroa, Carlos Maside e o propio Seoane.
Xohán Ledo (Ferrol, 1917 – Vigo, 2006)
Alcume do médico Ricardo García Suárez. Contra 1950 fixou a súa residencia en Vigo onde abriu unha clínica privada. Axiña visita os círculos do galeguismo asentado na cidade e frecuenta parladoiros, como o do café Suevia, na rúa de Policarpo Sanz.
Durante a República, formou parte das Mocidades Galeguistas e participou, como un mozo aínda en formación, nalgunha das xeiras do Seminario de Estudos Galegos. O encontro cos vellos amigos en Vigo deveu na colaboración con Galaxia por medio do debuxo, a pintura e o deseño en calidade de director artístico.
Home lembrado polo seu bo carácter e discreción, mantivo unha relación intensa con outros pintores próximos á editorial, como Carlos Maside e Luís Seoane. O trazo solto e a ilustración propia caracterizan o rostro dos primeiros volumes. O seu proceder era artesanal, con montaxes tomadas de retrincos de aquí e acolá con esoutras formas, como a colaxe. Neste bloque expositivo cada libro pertence a unha colección distinta.
Considérase un dos renovadores da estética do libro galego, canda os esforzos realizados dende o exilio por Luís Seoane. A Ledo debémoslle o cadro do primeiro consello de xestión de Galaxia, así como os primeiros carteis polo Día das Letras Galegas.
Francisco Mantecón (Vigo, 1948 – 2001)
Levou consigo, dende neno, unha constante curiosidade. Con 20 anos expón na praza da Princesa, estuda Belas Artes en Barcelona e entronca co vangardismo. En 1977 retorna como mestre de debuxo e participa na fundación do movemento Atlántica.
A relación con Galaxia comezou en 1979, cando Bieito Ledo entra como xerente da editorial. Daquela, Mantecón compartía espazo con Manuel Janeiro no Círculo Ourensán-Vigués, lugar referente do dinamismo sociocultural da urbe. O dúo Mantecón-Janeiro asumiu o encargo de renovar a imaxe editorial.
A maioría dos traballos deste período teñen sinatura conxunta. Tras a entrada de Carlos Casares na dirección continúan ligados a Galaxia, pero con camiños separados. A pegada de Mantecón percíbese na figuración xeométrica, como sucede na súa plástica, e na procura de cubertas limpas.
Deixaría máis exemplos do seu traballo en Sotelo Blanco, Ir Indo ou Edicións Xerais, así como nas cubertas de A Trabe de Ouro ou do Anuario de Estudios Literarios Galegos. Na súa lembranza convócase o Premio de Cartelismo Terras Gauda.
Os libros deste apartado son parte do facer compartido con Janeiro e en solitario. A temática xira arredor da implementación autonómica. A demanda de libros, tras a incorporación do galego ao ensino, implicará un paso adiante na produción editorial e, por tanto, no deseño.

Manuel Janeiro (Madrid, 1951)
Ilustrador, deseñador e escritor unido á cultura galega dende 1974. Esta faceta creativa compaxinouna co maxisterio no Colexio Martín Codax. A súa formación en Psicoloxía da Educación e na Semiótica da Imaxe púxoa ao servizo do deseño.
A relación con Galaxia comezou en 1979 xunto con Francisco Mantecón, cando Bieito Ledo asume a xerencia da editorial. O tándem Janeiro-Mantecón aceptou o reto da renovación estética. Tras varios anos unidos no traballo, a finais da década dos 80 comezarían cadansúa carreira por separado.
A Janeiro débeselle o primeiro cambio no logotipo da empresa. As estrelas no alto e unha liña curva canda a tipografía e o libro do carimbo inaugural. Encargouse da liña gráfica de Galaxia até 2013. Nesta longa travesía daría luz a deseños de numerosas coleccións, que continúan en activo.
O experimento formal e conceptual da cuberta arredábao da liña de Xohán Ledo. A composición fotográfica, a variación da tipografía, o uso libre do espazo… son trazos que o caracterizaron e deixarían exemplo para o futuro editorial.
Os libros expostos foron todos premiados: ese é o criterio da escolma. Isto permitiranos ver casos das distintas décadas de traballo e lembrar algúns dos títulos máis emblemáticos de Galaxia.
Hayat Husein (Chimbote, O Perú, 1976)
A actual responsable do deseño de Editorial Galaxia incorporouse en 2007, mediante Merlín Comunicación. A partir dos proxectos expositivos foi facéndose un sitio até integrarse en Galaxia. Deica 2013 compartiría os encargos de deseño e maquetaxe con Manuel Janeiro, quen nesa data remata a súa colaboración coa editorial.
A formación de Hayat, como Técnica Superior en Artes Plásticas e Deseño Gráfico Publicitario, encádrase dentro dun profundo cambio social: Internet e os recursos dixitais. A proliferación de bancos de imaxes, aplicacións informáticas e programas de deseño en liña abren un innumerable campo de posibilidades.
Esta inmensidade deriva na complexidade da síntese, na correcta elección, no facer concreto do deseño editorial. A busca da suxestión na imaxe da cuberta, mediante o matiz que interpele o público, expresa o valor da tarefa creativa.
Ademais, na actualidade o deseño dun volume é o produto dunha sorte de acordos entre dirección, autoría e deseño. Aínda que, se cadra, esa relación à trois estivo sempre viva no mundo editorial.

Clásicos en galego
A tradución de literatura internacional para unha lingua en proceso de normalización é fundamental. Un feito de valor sociolingüístico é traer para o galego obras aínda non traducidas para a lingua dominante, o castelán.
Galaxia xa era consciente deste factor cando en 1951 propón levar ao galego Vom Wessen der Wahrheit, de Martin Heiddeger, co título Da esencia da verdade. Logo de acadar os permisos de publicación e pagar os dereitos ao propio autor, o réxime franquista opúxose á súa publicación polo feito de usar o galego. Acabaría por saír en 1956, en parte como consecuencia da denuncia ante a UNESCO da persecución habida sobre o idioma de Galicia. Logo desta iniciativa aventurada, Galaxia persistiría no empeño tradutor, consciente do valor implícito para o prestixio lingüístico. Así aparecerán clásicos europeos, libros de literatura infanto-xuvenil e outros éxitos da literatura internacional.
Neste sentido, cómpre destacar dúas coleccións. Por un lado Clásicos en Galego (1989-), que incorpora títulos de autores grecolatinos como Sófocles, Ovidio e Cicerón; e, por outro lado, Clásicos Universais, que presenta unha ampla listaxe de autores internacionais de todos os tempos: Shakespeare, Goethe, Dostoievski, Baudelaire ou Allan Poe.
En 2014, a tradución do Ulises, de James Joyce, mereceu o Premio Nacional de Tradución outorgado polo Ministerio de Cultura. Unha obra froito do traballo colectivo de María Alonso Seisdedos, Eva Almazán, Xavier Queipo e Antón Vialle.
Literatura infantil
Galaxia comezou a publicar libro infantil na segunda metade dos anos sesenta, nunha colección titulada A Galea de Ouro, feita a partir de traducións. Xohana Torres foi unha das encargadas deste cometido traendo do catalán distintas obras.
Un título central neste tempo será A galiña azul (1968), de Carlos Casares, ilustrado por Xohán Ledo. A partir del, de maneira tímida, comezaría a produción do libro infantil escrito en galego (colección Tartaruga) e por galegos: Bernardino Graña, Delgado Rodríguez, Palmira Boullosa, Antonio García Teijeiro…
Ao longo dos anos xurdiron personaxes carismáticos, como Toribio, e coleccións como A Chalupa, que logo lle deixaron espazo aos álbums con música (Sonárbore) e obras ilustradas (Árbore).
En canto á literatura xuvenil, cómpre falar da colección Costa Oeste e das versións en galego de clásicos, como Agatha Christie e Sherlock Holmes, así como contemporáneos, caso de Corto Maltés e Harry Potter.
INFORMACIÓN XERAL / DOCUMENTACIÓN / ACTIVIDADES
Horarios apertura
De martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00
Domingos, de 11.00 a 14.30
Actividades complementarias
En paralelo a esta exposición, o MARCO e a Editorial Galaxia organizan unha serie de actividades complementarias que axude a coñecer e afondar nos contidos e obxectivos da mostra. A programación irá actualizándose e ampliándose ata a data de clausura.
“A presenza de Rosalía en Vigo”
No contexto do Día de Rosalía de Castro, roteiro por distintos puntos da cidade, rematando o percorrido na sala da exposición no MARCO.
Conducido por: Xurxo Martínez González, comisario da mostra
Data e horario: sábado 21 de febreiro ás 12.00
Prazas limitadas ata completar capacidade
Reservas de praza en recepcion@marcovigo.com
Percorrido poético
No contexto do Día do Libro, percorrido pola mostra “Un país ilustrado” e recitado de poemas relacionados coas obras expostas.
Conducido por: Tamara Andrés, directora da colección Dombate
Data e horario: sábado 25 de abril ás 12.00
Prazas limitadas ata completar capacidade
Reservas de praza en recepcion@marcovigo.com
Presentación do catálogo da exposición
Co gallo desta mostra, a Editorial Galaxia publicará un catálogo que reúne textos de diferente autoría, documentación, e imaxes das obras en exposición, e que será presentado no MARCO nunha data por concretar.
Información e visitas guiadas
O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información ademais das visitas guiadas habituais: todos os días ás 18.00 / Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita.
ÁREA DE DIDÁCTICA
Programación para escolares
Colabora: Fundación ”la Caixa”
A partir do 10 de febreiro
Horario: de martes a venres de 10.00 a 11.30 e de 11.30 a 13.00
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 200 / 986 113900 Ext. 308 / comunicacion@marcovigo.com
Programación para asociacións, colectivos e grupos con necesidades específicas
Colabora: Fundación ”la Caixa”
A partir do 10 de febreiro
Horario: flexible en función de necesidades e dispoñibilidade
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 200 / 986 113900 Ext. 308 / comunicacion@marcovigo.com
Obradoiros infantís
Colabora: Fundación ”la Caixa”
A partir do 7 de febreiro
Horario: sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
Previa reserva de praza: tel. 986 113900 Ext. 200 / recepcion@marcovigo.com