Cada 8 de marzo non só lembramos as loitas do presente, senón que tamén abrimos a porta a revisar o pasado e a recompoñer a memoria colectiva con voces que durante demasiado tempo foron silenciadas. A historia, durante séculos, escribiuse case sempre cunha soa tinta: a masculina. Así o demostran traballos como Contáronme un conto mal contado, publicado na colección Feminismos de Editorial Galaxia, onde un grupo de historiadoras da Universidade de Vigo mergúllase nas ausencias femininas desde a Prehistoria ata a Antigüidade, desmontando tópicos e poñendo en cuestión eses relatos únicos que tantas veces se deron por certos.
As mulleres, afastadas moitas veces do primeiro plano, participaron en todas as esferas da vida; foron creadoras, labregas, guerreiras, sacerdotisas, comerciantes ou viaxeiras. Esta obra é un acto necesario de xustiza histórica, pero tamén unha invitación a mirar con outros ollos os relatos que herdamos e a reivindicar unha historia máis ampla e plural, onde as mulleres non sexan figuras excepcionais, senón parte central da trama.
Neste 8M, desde Editorial Galaxia reafirmamos o noso compromiso con todas esas obras que, como esta, abren camiños e amplían os horizontes do coñecemento. Porque unha historia que só conta a metade é, sen dúbida, un conto mal contado. E porque chegou o momento de devolverlles ás mulleres a voz que lles corresponde, para que o futuro poida escribirse con máis xustiza e máis verdade.
Sigamos escribindo xuntas a historia que aínda está por contar.