Crear porvir. 75 anos de historia de Editorial Galaxia

Categoría: Nova

Onte, celebramos, na sede Afundación, en Santiago de Compostela, a inauguración oficial de Crear porvir. 75 aniversario Editorial Galaxia.

No acto, participaron José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude; Paloma Vela, coordinadora adxunta da área de Cultura de Afundación; Goretti Sanmartín, alcaldesa do Concello de Santiago de Compostela; Henrique Monteagudo, comisario da exposición; e Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia.

Galaxia celebra tres cuartos de século de vida cunha exposición itinerante que percorrerá Galicia para reivindicar a nosa historia e, sobre todo, para crear porvir. A mostra, comisariada por Henrique Monteagudo, María Dolores Villanueva e Xosé Manuel Dasilva, arranca en Santiago de Compostela e percorrerá as sete cidades galegas ao longo do ano.

Neste proxecto destácase o labor de autoras e autores, como Castelao, Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor, Paco Martín, Xohana Torres, Carlos Casares, Fina Casalderrey, Manuel Rivas, Yolanda Castaño, Paula Carballeira, Domingo Villar, Xesús Fraga, Xosé Manuel Núñez Seixas, Marilar Aleixandre…; editores, como Carlos Casares e Víctor F. Freixanes…; e fundadores da editorial, como Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Xaime Isla Couto e Francisco Fernández del Riego; ademais de títulos que axudaron a conformar o panorama literario de Galicia, configurando unha visión global da edición galega durante o franquismo e a democracia.

A mostra articúlase en catro bloques temáticos que convidan a percorrer a literatura e os seus autores e autoras, desde o Rexurdimento ata a xeración do novo milenio; o ensaio e o pensamento galegos, con estudos sobre a lingua, a historia, a sociedade e a ecoloxía, así como proxectos de referencia como a revista Grial; a tradución e a proxección internacional, co galego como lingua de recepción e creación universal; e a literatura infantil e xuvenil, onde Galaxia foi pioneira con coleccións e espazos dirixidos ao público máis novo. A exposición conta tamén cun espazo para público infantil que convida a ler e gozar da edición para as idades máis novas.

O deseño expositivo, a cargo do estudo Desoños, é unha viaxe a través do tempo e da memoria literaria, con estruturas móbiles e dinámicas que acompañan o público nun paseo entre autores, libros e momentos clave da nosa historia. Ademais, conta cunha peza audiovisual dirixida por Ana Viqueira e producida por Nós TV, que recolle testemuños de personalidades vinculadas a Editorial Galaxia sobre a súa produción literaria.

A exposición “Crear porvir. 75 aniversario de Editorial Galaxia” percorrerá Galicia ao longo de 2025, facendo escala nas sete grandes cidades galegas. Arranca neste mes de marzo na Sede de Afundación, en Santiago de Compostela, para continuar en abril e maio no Pazo Provincial de Lugo; e en maio e xuño na Sede de Afundación de Ourense. En xullo, a mostra chegará a Ferrol, tamén na Sede de Afundación, e, tras o verán, instalarase en setembro e outubro no Café Moderno de Pontevedra. A Coruña acollerá a exposición entre outubro e novembro na Fundación Luís Seoane, rematando o seu itinerario en Vigo, onde poderá visitarse entre decembro de 2025 e xaneiro de 2026 na Sede Afundación da cidade.

Esta mostra conta co apoio da Xunta de Galicia, Afundación, Caixa Rural Galega, para as sedes de Lugo e Coruña, Deputación Provincial de Lugo e Fundación Luís Seoane.

Ao longo destes 75 anos, Galaxia publicou preto de 3.500 títulos, con obras de máis de 1.500 autoras e autores, consolidándose como proxecto esencial para a edición en lingua galega, nunha aposta firme pola dignidade e a normalización da nosa lingua e cultura. A singularidade deste empresa radica no seu compromiso político e cultural e no feito de que inviste os seus beneficios na propia editorial. Ao longo da súa traxectoria, recibiu galardóns tan relevantes como a Medalla de Ouro de Galicia e o Premio da Cultura Galega, en recoñecemento á súa contribución á nosa identidade e á modernización cultural, ademais de contar con numerosos premios nacionais, que poñen en valor a nosa creación literaria.

Datos de interese Apertura: de luns a sábado. Horario: 12:00 – 14:00 h e 16:30 – 20:30 h (festivos incluídos). Entrada de balde. Sede de Afundación, Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela.

Comparte nas túas redes sociais ou por email