Hoxe, en Mondoñedo, celebrouse unha homenaxe a Álvaro Cunqueiro, nun acto no que a Editorial Galaxia foi distinguida como Entidade Cunqueriana de Honra.
Recoñeceuse así o seu papel decisivo na difusión e proxección da obra do escritor mindoniense, sendo o selo editor onde viron a luz títulos fundamentais como Merlín e familia, As crónicas do sochantre ou Escola de menciñeiros.
No acto, participaron Armando Requeixo, coordinador de Actividades e Publicacións da Casa Museo Álvaro Cunqueiro; César Cunqueiro, fillo de Álvaro Cunqueiro; Manuel Ángel Otero Legide, alcalde do Concello de Mondoñedo; Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia, e Xosé M. Soutullo, director da editorial.
Unha distinción que pon en valor o histórico vencello entre Cunqueiro e unha editorial que este 2025 celebra o seu 75 aniversario.
Novena edición
A Editorial Galaxia é a novena proposta homenaxeada desde que se instituíu este galardón e foi elixida por unha comisión formada por César Cunqueiro, fillo do escritor; Claudio Rodríguez Fer, Cunqueiriano de Honra na anterior edición; Alberto García Fernández, concelleiro de Cultura; Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo; Abel Vigo García, técnico de Cultura; Miguel González Somovilla, xornalista e estudoso da obra de Cunqueiro, e Armando Requeixo, coordinador da Casa Museo Álvaro Cunqueiro
O Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro ven consolidada a traxectoria destes nomeamentos, que en anteriores edicións recoñeceron a Darío Villanueva, Víctor F. Freixanes, Rexina Vega, César Antonio Molina ou Manuel Lourenzo. O recoñecemento acompáñase dunha placa e dun diploma.