Representación de "A illa das mulleres loucas"

Categoría: Nova

Baseada na obra homónima de Alfonso Pexegueiro, Inversa Teatro presenta "A illa das mulleres loucas", un recital dramático onde a linguaxe do corpo e a palabra do propio autor en escena se combinan coa música orixinal que os integrantes de Berrogüetto Anxo Pintos (zanfona) e Quico Comesaña (harpa) compuxeron para a ocasión e interpretan en directo.
O resultado é unha peza poética de gran plasticidade na que as fronteiras entre o pasado, o presente e o futuro se esvaen para desvelar un tempo suspendido onde unha muller libra a súa propia batalla por definir os límites entre cordura e loucura.
"A illa das mulleres loucas" presenta unha muller escindida entre a vida e a morte, entre o primitivo e o civilizado, entre a razón e a paixón, entre a ilusión do futuro e o desengano do pasado. Unha muller coa que se constrúe un canto nacido da liberdade do inconsciente en defensa da vida e da linguaxe.

Comparte nas túas redes sociais ou por email