Recoñecementos para Neira Vilas e Paco Martín

Categoría: Nova

Son estes días de importantes recoñecementos para a Literatura Infantil e Xuvenil galega, concretados nas figuras esenciais de Xosé Neira Vilas e Paco Martín. O primeiro recibiu onte a Medalla Alejo Carpentier outorgada polo goberno de Cuba, mentres que Paco Martín recibirá mañá a homenaxe 'O escritor na súa terra' por parte da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Xosé Neira Vilas, Medalla Alejo Carpentier

O Consello de Estado da República de Cuba entregoulle este xoves ao escritor galego Xosé Neira Vilas a medalla Alejo Carpentier nun emotivo acto que presidiu o reitor Juan Casares no Paraninfo da Universidade e no que a directora da Cátedra de cultura cubana Alejo Carpentier da USC, Ana Chouciño, fixo una semblanza biográfica e académica do homenaxeado.

A Universidade de Santiago súmase así ao recoñecemento a unha das plumas máis sobranceiras da literatura galega que pasou boa parte da súa vida na emigración, primeiro en Arxentina e logo en Cuba ata o seu regreso a Galicia en 1992, como lembrou o reitor.

Casares subliñou ademais os nexos do escritor galego coa USC, comezando pola creación en 1994 da cátedra que leva o nome do que fora un dos máis sobresalientes escritores hispanoamericanos do século XX e autor da novela 'El camino de Santiago' que Neira Vilas traduciu ao galego.

Ademais do propio homenaxeado interveu na cerimonia o cónsul de Cuba en Santiago de Compostela, Alejandro Fuentes, quen lle entregou a medalla. O escritor cruceño estivo acompañado no acto por numerosos amigos e amigas así como decanos e directores de centros e docentes da USC.

Homenaxe a Paco Martín

A Homenaxe 'O Escritor na súa Terra', impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XVII edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Paco Martín, que será homenaxeado na súa terra natal, a cidade de Lugo.

Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de década e media como unha celebración na que a terra de orixe do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.

Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica asinada por un/ha recoñecido/a artista galego/a, neste caso Silverio Rivas), a plantación dunha árbore simbólica elixida polo propio autor, a colocación dun monólito conmemorativo e a atribución do nome do homenaxeado/a a un espazo público ou infraestrutura cultural, neste caso a Biblioteca Municipal do barrio da Piringalla.

Na web da AELG podedes consultar o programa de actos do día.

Comparte nas túas redes sociais ou por email