Achégase o Nadal, unha festividade na que compartir e agasallar son verbos protagonistas. O máis importante nestas datas é estar; que mellor maneira de facelo que agasallando novas lecturas que nos acompañarán durante todo o ano?
Velaquí algunhas recomendacións máxicas para pedirlle na nosa carta ao apalpador:
Discoteca Atlántica, de Marcos Gendre
Nesta obra, publicada na colección Reportaxe, o autor, convida ás lectoras e lectores a unha travesía polo labirinto identitario da vangarda musical galega. Estuda, dende fenómenos como Andrés do Barro ata Malandrómeda, o panorama musical imperante no país, analizando os pioneiros que sentaron as bases, e o prolífico presente musical do que goza a nosa terra.
A conxura do sete, de Miguel Anxo Fernández
Chega un novo caso do detective Frank Soutelo! Nesta nova entrega, acompañado do estricado funerario Sugar Jones, Frank Soutelo, regresa a Galicia a petición da investigadora Dalia Maxino, que recibe o insólito encargo de atopar a mítica espada de Santiago, agachada durante séculos, e seica torada en sete anacos a comezos do século XIX, para impedir que a roubasen os napoleónicos. Seica a queren para os fastos do próximo Xacobeo. Aos poucos, o profesor da manda desaparece misteriosamente, e resultará que a valiosa espada interesa tamén a xentes sen escrúpulos e fins sinistros, mentres asoman os cadáveres. O sarxento da municipal, Franeiras, e o antigo garda civil Poncio, sumaranse ao desafío coa eficacia acostumada. Ao tempo que Frank pecha un segredo familiar oculto durante anos, enrédase nunha conxura argallada desde o poder das elites na sombra, mentres a Policía non semella moi conforme coas súas pescudas.
Quen non ten un avó fascista?, de Inma López Silva
Publicada na colección Memoria Histórica de Editorial Galaxia, Quen non ten un avó fascista?, é un exercicio de liberdade e democracia. Na novela, inspirada en feitos reais, o personal faise político, poñendo en valor a memoria colectiva.
A autora propón ás lectoras e lectores, nesta súa obra máis persoal, un relato emocionado co que persegue volver os feitos históricos á realidade diaria das persoas que os protagonizaron sen sabelo, para expresar así a dor real dos dilemas éticos e a necesidade certa de seguir vivindo malia a guerra, a ditadura e a represión.
Un ollo para ler, de Alicia Suárez
Neste álbum ilustrado a toda cor, Suárez preséntanos unha historia fermosa que ensina ás lectoras e lectores o verdadeiro propósito dos ollos. Un é para ler e outro é para imaxinar, soñar e viaxar.
En Un ollo para ler, a nosa protagonista, Noelia, descobre que unha casa con libros é unha fiestra aberta ao extraordinario.
Hoshi. A voz da pedra fósil, de Brais Babarro
Publicado na colección Costa Oeste, este libro conta a historia de Dai Saeki, un rapaz que leva meses sen saír do seu pequeno apartamento en Gunshu.
Con dezasete anos decide autoexiliarse da sociedade. Mais, en pleno desterro cara a ningures, unha chamada irrompe na súa rutina de videoxogos e comida lixo. No armario, baixo unha morea de roupa, soa un teléfono. O cabo Isozaki, un nonaxenario que se nega a admitir o final da Segunda Guerra Mundial, segue a protexer un solitario illote a poucas millas da cidade. Un libro cheo de aventuras na que a vida do protagonista cambiará por completo.
Ata aquí as nosas recomendacións de hoxe. Lede moitos libros e soñade, en galego.