Editorial Galaxia adianta as súas publicacións sobre Paco del Riego

Categoría: Nova

Publicaranse máis dunha ducia de textos, incluídos dous libros inéditos do autor

No 2023 a editorial Galaxia está de festa  co gallo do día das letras galegas a Francisco Fernandez del Riego, un dos nosos fundadores. E como non podía ser menos queremos celebrar a máis non poder  este ano de Don Paco con máis dunha ducia de publicacións de obras da súa autoría ou dedicadas a súa inxente obra en prol da nosa cultura e do noso país.

Hai unhas semanas inaugurouse a Biblioteca Fernandez del Riego co volume  Con Pondal en Bergantiños, no que o noso autor fai un percorrido pola vida e obra de do “poeta solitario que canta o mar e a costa brava” de Bergantiños. En xaneiro de nesta colección  saíra do prelo o libro, Lourenzá, obra na que Fernández Del Riego homenaxea  e rende tributo a súa benquerida terra natal. Asemade nese mes tamén publicaremos unha achega biográfica, Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia, da profesora Malores Villanueva quen tantas horas de confidencias compartiu con el.

Pero as publicacións máis relevantes da Biblioteca Fernandez del Riego , serán  dous inéditos do autor, Diario da guerra, con prólogo de Lourenzo Fernández Prieto, Catedrático de Historia Contemporánea da USC,  textos nos que o noso don Paco conta en primeira persoa o seu devir como combatente durante aqueles días terribles da Guerra Civil. E tamén, Memoria do París literario, unha obra na que pasea coa súa exquisita pluma polos cafés parisienses e a literatura francesa, en edición da profesora Malores Villanueva.

A estes relevantes inéditos seguirán tres reedicións de tres libros fundamentais na súa produción. Camiño andado, autobiografía, pero tamén crónica dun tempo, dunha xeración e dunha esperanza, onde  asume a experiencia dos anos para percorrer, agora na memoria. O río do tempo, outro exercicio memorialista, unha volta á experiencia do pasado, sen renunciar ao porvir, que de seguro ha resultar proveitosa para as novas xeracións. E finalmente,  A xeración Galaxia, a narración da aventura cultural e política protagonizada por un feixe de homes que nos anos máis escuros do franquismo loitaron pola supervivencia da identidade de Galaxia.

A Biblioteca completarase con Loitando pola Galicia que non foi, edición do historiador Justo Beramendi, e Fernández del Riego e a Arte, a cargo da historiadora da arte Beatriz Liz de Cea.

Tamén editaremos o Epistolario entre Ramón Piñeiro e Fernandez del Riego, nunha edición a cargo do profesor Enrique Monteagudo e Xoseé Manuel Soutullo, director da Fundación Penzol.  E as Cartas ao meu amigo, escritas por Álvaro Cunqueiro ao don Paco, nunha edición do profesor Armando Requeixo.

E para rematar un álbum infantil para os máis pequenos titulado Don Paco, o home que valia por mil, escrito por Antón Mascato e ilustrado por Pepe Carreiro.

Con todas estas obras e con algunha outra máis, editorial Galaxia pretende festexar  e reivindicar a este loitador incansable que foi unha figura fundamental da nosa cultura, inspirador do Día das Letras que agora se lle dedican, cofundador da editorial Galaxia e da revista Grial, da fundación Penzol e presidente da Real Academia Galega.

Comparte nas túas redes sociais ou por email