O historiador presenta mañá, venres 13 de novembro, en Pontevedra, O Consello de Galiza. Política galega no exilio, unha obra que recupera unha parte fundamental da historia política da Galicia do século XX.
Ramón Villares afonda na historia do Consello de Galiza, fundado no exilio de Buenos Aires e Montevideo en novembro de 1944. Foi a primeira institucionalización do autonomismo galego, apoiada na vontade política expresada no plebiscito do 28 de xuño de 1936 que aprobara o proxecto de Estatuto de Autonomía; tamén trata da política galega feita no exilio e mesmo no interior desde os tempos da Guerra Civil ata a morte de Franco e os primeiros pasos do réxime de preautonomía.
O autor afonda neste tema ante a necesidade de completar unha parte salientable da historia política da Galicia do século XX coas voces e as accións dos exiliados. Un relato que atende á historia interna de Galicia, pero que se esforza por lle dar un enfoque comparado, tal como a propia temática esixe e, ao tempo, analizar o esforzo dos exiliados para colocar a causa política galega nunha dimensión internacional.
A obra presentarase mañá, venres 13 de novembro, en Pontevedra, no Museo de Pontevedra (edificio Castelao, zona acristalada), en colaboración co Ateneo de Pontevedra.
Acompañando o autor, estarán Xosé Fortes, historiador, e Susana Regueira, xornalista de Faro de Vigo.
Tras esta primeira cita, o libro contará con outras tres presentacións en Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela.