A novela gañadora da décima edición do certame xa está dispoñible nas librarías e presentarase o 19 de novembro, en Santiago de Compostela, nun encontro que reunirá autoras premiadas ao longo desta década.
Editorial Galaxia celebra este venres, 13 de novembro, o Día das Librarías coa chegada do libro Dos afectos, o río, de Sofía Ruvira (Allariz, 1996), obra gañadora da décima edición do Premio Illa Nova de Narrativa, convocado coa colaboración de El Corte Inglés.
A publicación coincide cun ano especialmente significativo para o certame, que celebra o seu décimo aniversario e continúa apostando por dar visibilidade a novas voces da literatura galega.
A chegada desta novela ás librarías, nesta data, é tamén unha oportunidade para reivindicar o papel fundamental destes espazos como puntos de encontro entre os libros e os lectores e lectoras, así como o seu labor na promoción da lectura e da cultura galega.
Dos afectos, o río: unha novela sobre a memoria, a familia e a verdade
Sofía Ruvira constrúe unha historia arredor do regreso ás orixes e da necesidade de comprender o pasado familiar. A protagonista, unha xornalista que volve á vila da súa familia, descobre na casa dos avós cartas, documentos e lembranzas que lle permiten reconstruír unha historia apenas coñecida. No centro desa investigación aparece a figura dun avó que loitou pola súa xente e pola defensa do río, que se enfrontou ao poder e que chegou a converterse nun símbolo para a veciñanza.
Dos afectos, o río aborda o peso da herdanza, os silencios que atravesan as familias e a dificultade de recoñecer verdades dolorosas. A través desta historia, a autora propón unha reflexión sobre a memoria, tanto persoal como colectiva, e sobre aquilo que permanece oculto ata que alguén decide investigar.
Sofía Ruvira (Allariz, 1996) é escritora e investigadora. Conta cun mestrado en Filosofía, pola Universidade de Santiago de Compostela e outro en Literaturas Hispánicas e Lusófonas pola Universidade de Yale, onde desenvolve o seu doutoramento. Colaborou en medios de comunicación como Praza Pública e Nós Diario. O seu traballo artístico, literario e académico recibiu apoio da Fundación Fulbright, a Xunta de Galicia, o Women Faculty Forum e o MacMillan Center. A súa escrita apareceu en revistas como Dorna. Expresión poética Galega, Clara Corbelhe e The Brooklyn Rail, e deu ao prelo Os corpos fráxiles (2024), Canícula (2025) e El arte de traspasar la escritura (2026). Dos afectos, o río é a súa segunda novela.
Dez anos impulsando novas voces da literatura galega
Convocado por Editorial Galaxia coa colaboración de El Corte Inglés, o Premio Illa Nova de Narrativa naceu en 2017 coa vontade de ofrecer novas oportunidades aos autores e autoras que comezan a súa traxectoria literaria.
O certame recupera o espírito da histórica colección Illa Nova, creada por Editorial Galaxia en 1957 para dar continuidade ao seu proxecto cultural a través das novas xeracións, sempre cunha vontade de renovación.
Naquela colección publicaron autores e autoras como Xohana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Franco Grande, Bernardino Graña, Camilo Gonsar, María Xosé Queizán ou Carlos Casares, contribuíndo á renovación da literatura galega e ao desenvolvemento da chamada Nova Narrativa Galega.
Editorial Galaxia e El Corte Inglés celebrarán o vindeiro xoves 19 de novembro, ás 19:30 horas, no Ámbito Cultural de El Corte Inglés de Santiago de Compostela, un encontro literario que leva por título Premio Illa Nova: dez anos abrindo camiño á narrativa galega. Encontro con autoras premiadas para celebrar unha década impulsando novas voces da literatura galega. Coa presentación Dos afectos, o río, de Ruvira.
No acto participarán Vanessa Santiago, gañadora da primeira edición do certame; Irene Rega Jul, gañadora da sexta edición; e Malores Villanueva, coordinadora do premio. Sofía Ruvira intervirá en directo desde os Estados Unidos mediante conexión en liña.
A celebración permitirá compartir experiencias entre autoras de distintas edicións e poñer en valor unha década de apoio á creación literaria en galego.