O luns 16 de novembro, celebrarase, ás 20 h, no MARCO, en Vigo, un encontro que leva por título A Guía de Galicia de Ramón Otero Pedrayo: cen anos dun xeito de entender Galicia e Vigo.
Presentarase a nova edición, a cargo de Manuel Gago; con el, participarán Calros Solla, escritor; Antonio Giráldez, historiador; e Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia.
Publicada por primeira vez en 1926, a Guía de Galicia foi moito máis ca unha guía de viaxes. Se foi o xeógrafo Domingo Fontán quen lle puxo rostro ao país coa Carta xeométrica de Galicia, foi Otero Pedrayo, coa súa Guía, quen o dotou de palabras e historias que encheron as trazas das vilas, dos ríos, dos camiños e das paisaxes alí debuxadas. Nela, Otero Pedrayo reuniu xeoloxía, xeografía, historia, patrimonio, economía, paisaxe, artes e cultura para ofrecer unha visión integral do país. A obra permitiulle sistematizar por primeira vez a súa interpretación de Galicia e converteuse nun referente para sucesivas xeracións de lectores, así como nun instrumento esencial para descubrir e comprender o territorio e a súa identidade.
O volume, de 635 páxinas, recupera o texto revisado e acompañado dun amplo traballo de contextualización histórica e cultural, con máis de 1.400 notas que dialogan co orixinal de don Ramón. Asemade, conta con fotografías de José Suárez, Ksado e Jaime Solá, que contribúen a reconstruír a memoria visual de Galicia. En palabras de Manuel Gago Mariño “Estamos ante un manual para imaxinar un país: unha Galicia luminosa. Un país que ten sentido cando prende do seu patrimonio, a súa cultura e a súa paisaxe”.
Escritor, xeógrafo, profesor e intelectual, Ramón Otero Pedrayo desenvolveu unha extensa traxectoria dedicada ao coñecemento e á cultura de Galicia. A súa obra abrangue todos os xéneros literarios, desde a narrativa e a poesía ata o teatro, o xornalismo e o ensaio. Entre os seus títulos máis destacados figuran Os camiños da vida, Arredor de si, Fra Vernero, O señorito da Reboraina e Bocarribeira, ademais da propia Guía de Galicia, unha das súas grandes achegas ao estudo e á interpretación do país.
Manuel Gago Mariño é un destacado xornalista, escritor e profesor. Doutor en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago de Compostela, exerce como docente en dita institución dende 2002, especializándose en ciberperiodismo e novos modelos narrativos. A súa traxectoria profesional resalta por unha intensa labor de divulgación e activismo patrimonial a través de entornos dixitais. É director da plataforma culturagalega.gal dende 1999 e fundador de proxectos cidadáns de referencia como o blog “Capítulo Cero” e o catálogo social e colaborativo en liña Patrimonio Galego.