Ramón Máiz, Premio Ramón Piñeiro 2010

Categoría: Nova

A obra A ARTE DO IMPOSIBLE, da que é autor Ramón Máiz Suárez, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2010, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a través do Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades, e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa. A xuntanza do xurado realizouse onte, día 20 de decembro, ás 11 horas, no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela.

O ensaio premiado nesta X edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 6.000 euros, será publicado por Editorial Galaxia o próximo ano. O xurado valorou moi especialmente o novidoso do ensaio e o tratamento dalgúns dos temas centrais da ciencia política actual cun enfoque tamén relacionado co caso de Galicia (clientelismo, republicanismo…). Ademáis de entrar no debate sobre a formulación do poder, na obra premiada reflexiónase a prol da dignidade e o valor da política como xestión do poder que vén dende abaixo; cun enfoque orixinal que reivindica a paixón como raiz común descoñecida da política fronte ao hiperracionalismo.

O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Luís Alonso Girgado, Andrés Torres Queiruga, Uxío Labarta, Ramón Villares e Carlos Lema, salientou a calidade dos sete orixinais presentados, así como a variedade de temas abordados neles.

Comparte nas túas redes sociais ou por email