Con case quince días de retraso, pero rodeado da calor da amizade e coa luz magnífica das Rías Baixas, o escritor leu o pregón das Letras Galegas na illa de Samertolomeu, en terras de Meira, Moaña, territorio literario no que vén desenvolvendo a súa obra: "Extintos básicos" (Xerais, 1998), "Reserva especial" (Galaxia, 2004) e agora "Viaxes do corazón. Diario ínfimo" (Galaxia, 2009).
O texto completo do pregón, que dedicou aos mil e un ríos e os mil e un falares de Galicia, relembrando a Álvaro Cunqueiro, así como ás letras grandes (as máis solemnes) e as letras pequenas (as íntimas, agarimadas no colo das nais e nas falas dos avós), pode lerse a través da ligazón nesta mesma páxina.
Posteriormente, no chamado paseo das Carreiras, na illa de Samertolomeu, presentouse o libro "Viaxes do corazón", coa presencia de compañeiros e amigos, entre eles o escritor Xosé Luis Méndez Ferrín, coa colaboración do alcalde de Moaña, Xosé Manuel Millán, o escritor e poeta Xosé María Álvarez Cáccamo e o editor Víctor F. Freixanes.
Trigo lembrou aquelas terras, aquela luz da ría, os camiños da fraga de Bronlle, os carreiros de Reibón, os peiraos dende os que se olla Vigo, os vellos mariñeiros e falar e a cantar nas tabernas, o bar Chiquito, os amigos da infancia, antigo e nunca esquecido paraíso, que evoca nos seus libros coa poderosa forza poética dos seus textos e e "o amor polas cousas pequenas, porque son as cousas pequenas as que de verdade conforman o mundo", en palabras de Álvarez Cáccamo durante a presentación.