A Casa do Libro de Vigo encheuse onte de público para acoller a presentación do libro "O álbum de Garrincha", obra da escritora Beatriz Maceda Abeleira. A escritora estivo acompañada na mesa polo crítico literario Ramón Nicolás e polo escritor e editor Francisco Castro.
Neste libro, publicado na colección Árbore de Galaxia, a autora aproveita a figura do futbolista brasileiro para contar unha historia sobre a integración de Joao, un dos moitos cativos que pisan as nosas aulas e que son fillos da inmigración e que, a través do deporte, atopan un camiño para se incluir na vida normal co resto da rapazada.
Garrincha foi unha das estrelas do Mundial de Chile que compartiu
éxitos con Pelé. Era zambo, a súa perna dereita era seis centímetros máis corta que a esquerda e tiña a columna vertebral torta. Á súa nai os médicos dixéronlle que nunca chegaría a camiñar e, malia iso, converteuse nunha das figuras do fútbol mundial de todos os tempos.
Ao acto acodiron os vicepresidentes do Celta, Ricardo Barros e Pedro Posada.