"A boneca de Blanco Amor"

Categoría: Nova

A segredo da boneca de porcelana que aparece en A Esmorga, no pazo dos Andrada, e que provoca en parte o transtorno psicolóxico e emocional do Bocas, está en Chile, nunha historia de amor e distanciamentos entre un emigrante galego e unha rica herdeira de ascendencia alemana.
María Xosé Queizán ven de publicar unha nova novela co misterio da boneca como pano de fondo e, por extensión, unha declaración de amor a Chile, que en palabras de Blanco Amor era máis ca unha fixación, " era un vicio", emoción que a autora comparte.
O libro presentouse dentro das xornadas que se celebran no Liceo de Ourense arredor do autor de A Esmorga, co gallo do 35 cabodano do novelista.
Participou no acto Víctor F. Freixanes, director de Editorial Galaxia, que fixo referencia especial a Ignacio Vilar, presente na sala, director da versión cinematográfica da novela de Blanco Amor, que estes días se está a estrear en toda Galicia.
María Xosé Queixán viaxou polas páxinas do seu libro, que ten moito de historia e de ensaio, de ficción e descubertas, de testemuña histórica e, en certa maneira, interpretación literaria. "Cando vin a boneca, na mansión que mandaran construír para Sara Braum en Punta Arenas, díxenme: aquí está o segredo desa pasaxe de A Esmorga", declarou a escritora. De feito, Blanco Amor visitou Chile, invitado polas autoridades daquel país, e en 1951 publicou a primeira versión do seu libro de viaxes Chile a la vista (dispoñible tamén no catálogo de Editorial Galaxia).

Comparte nas túas redes sociais ou por email