Publicamos a nova novela de Xeradro AgraFoxo

Categoría: Nova

Estes días irá chegando ás librerías de todo o país a nova novela de Xerardo AgraFoxo, A MALETA DE VICTORIA KENT, obra que iremos presentando en nada en distintos lugares do país.

O LIBRO

Tres días despois do comezo da rebelión militar no Protectorado de Marrocos, Liberto, un obreiro anarquista comprometido coa loita sindical, intégrase na columna de mineiros que intenta parar o golpe de estado en Galicia.

Ante o fracaso desta desesperada acción, só lle quedarán dúas saídas para salvar a vida: entobarse entre os outeiros da serra ou fuxir nun dos vapores que saen do peirao de Vigo cara a Buenos Aires. A inesperada aparición dunhas cartas, que descobren unha historia de amor oculta, condicionará o seu destino. Así é o argumento desta novela que destaca pola precisión da súa trama, a destreza amosada na descripción dos personaxes e o retrato que se realiza dunha época marcada pola violencia.

O AUTOR

Xerardo AgraFoxo (Noia, 1952) é profesor e doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e leva escritos máis de vinte libros de investigación histórica, entre eles os tres volumes de A Guerra Civil en Lousame e Noia, amais do libro Memorias do franquismo (A época do wolfram en Lousame. A corporación de Noia en Meirás) (2002). No ano 2006, seguindo coa súa tarefa de historiar a vida do seu concello, publicou os volumes Crónicas dunha democracia (A transición política en Noia. Os dous mandatos de Díaz Fornas) e A revolta nacionalista (A Noia de Pastor Alonso. O goberno de Bieito González). Dous libros que tiveron continuación cando saíu, en 2008, o derradeiro volume desta triloxía: Noia no cambio de século. No ano 2007 publicou Biografía de María Mariño e María Mariño: retrato dunha vida. Como narrador, no ano 2003 deu ao prelo o libro de relatos O triángulo de Óscar Wilde, un periplo narrativo por varios personaxes e autores da literatura e a arte universal escrito desde a convicción de que a ficción pode axudar a clarexar os matices da historia real. No ano 2004, obtivo o Premio García Barros coa novela Unha viaxe no Ford T e posteriormente vería a luz O violinista de Malá Strana (2008), tamén do xénero novelesco.

Comparte nas túas redes sociais ou por email