Propostas dixitais dende Galaxia

Categoría: Nova

Editorial Galaxia presentou nos seminarios do Cluster do Produto Gráfico Galego (Santiago de Compostela) o seu proxecto dixital e as liñas de traballo nas que traballa na actualidade. As xornadas titulábanse "Tendencias e tecnoloxías no desenvolvemento do negocio editorial", e Anxela Chillón, responsable dos desenvolvementos de I+D+i da editora, moi especialmente de todo canto se refire a edición e difusión dixital, foi a encargada de facer a presentación, que pode descargarse á dereita desta páxina.

Diante dunha ampla representación de colegas do sector e especialistas de dentro e fóra de Galicia, Galaxia presentou os produtos que poden visitarse tamén nesta Web: as propostas de edición dixital, ás que se pode acceder comercialmente (Publidisa) ou para a súa difusión (Google), as versións dixitais disponibles da revista Grial a través do quiosco de ARCE (Asociación de Revistas Culturais de España), así como produtos deseñados específicamente para estas novas linguaxes: "O soldadiño de chumbo", "Contoplanet", o conto interactivo "Area fai seis", audiolibros, propostas e recursos educativos para o ensino da lingua galega, etc., moitos deles en colaboración con outras empresas: Continental, Perro Verde, Mil Rayas, Moonbite Games, Imaxine, etc.

En colaboración cos equipos de investigación Novos Medios da Universidade de Santiago, Galaxia traballa asemade na futura creación dunha plataforma dixital para a cultura e o libro galego que, segundo explicou Anxela Chillón, queremos presentar no ano 2013.

Comparte nas túas redes sociais ou por email