Xavier Carro sempre se sentiu vinculado espiritualmente coa súa cidade, Santiago de Compostela, da que nunca marchou e á que fixo protagonista dos seus contos, como en No recanto das horas, onde as rutinas, igual que as solemnes badaladas dos sinos da catedral, marcan a vida dos variados personaxes destes relatos: un filosofo peripatético, a Patacona, o anano de Conxo, un filósofo científico da materia atómica, un peperete cubano, un dadaísta da Quintana, un namorado cantante de tangos, o señor das illas Xónicas…

O escritor Xavier Carro naceu en Santiago de Compostela en 1942. Estudou Filosofía e Letras na súa cidade natal e licenciouse en Filoloxía Románica en Madrid. Deuse a coñecer como escritor en castelán e obtivo diferentes premios de poesía e relato curto. En galego publicou en 1973 o libro As calexas do cigurat, un libro que apareceu moi estragado pola acción da censura franquista. Tamén é autor dos poemas de Paisaxe de verde chuvia (1986) e o estudo A obra literaria de Eduardo Blanco-Amor (1993).