Da expedición científica que Mr. Smith realizou polas rúas e prazas dunha cidade galega, coa xenerosa intención de dar cunha nova vía que servise de atallo no camiño da investigación socioxeográfica e, de presentárselle a ocasión, aproveitar para facer algún descubrimento de carácter etnográfico, zoolóxico ou mesmo botánico, que lle proporcionase a sona precisa para que alguén tivese un fundamento, por cativo que fose, que o levase a realizar algún comentario ao respecto na hora da lectura dos xornais en calquera club londiniense ó que asistisen membros da Royal Geographic Society, ou calquera outra entidade de sona e prestixio parellos.
Paco Martín (Lugo, 1940) foi mestre. Leva toda a vida escribindo nos medios de comunicación, onde moitos dos seus artigos foron premiados (Premio Puro Cora de Xornalismo, 1994). Un dos seus grandes intereses foi o ensino da nosa lingua, para o que escribiu libros de texto. Entre a súa vizosa obra destaca Das cousas de Ramón Lamote (1985), Premio Barco de Vapor (1984), Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil (1986) e Lista de Honra do IBBY (1986).
O home que mercou un libro é a primeira obra que publica na colección xuvenil Costa Oeste.