Antón e o seu can Leonardo protagonizan unha historia para todas as idades. É unha narración que se publicou por primeira vez no ano 1986 e que desde entón se convertiu nun dos libros máis buscados por pequenos e grandes, pois aínda que foi escrito pensando en lectores de doce anos, ó final, como sucede con toda literatura de calidade, acabou sendo unha obra para todos. Conta as historias que lle suceden a Antón e mais a Leonardo. O primeiro é un neno que se chama Antón Andrade Asorei e que cursa oitavo. O segundo, a pesar do nome, non é un rapaz, senón un can; polo tanto carece de apelidos. Ó longo do libro suceden moitas cousas, tanto a Antón como a Leonardo. Quen as conta é Antón. E sabe contalas moi ben.
María Victoria Moreno Márquez (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2005), licenciada en Filoloxía Románica pola universidade de Madrid, en 1963 conseguiu unha praza de profesora nun instituto de Pontevedra, establecéndose en Galicia. A súa identificación co noso país foi tan intensa que de seguida aprendeu o galego e o convertiu na súa lingua. Desde entón, toda a súa obra literaria está escrita en galego. Unha parte dela son contos e novelas dedicadas ao público infantil e xuvenil, como Leonardo e os fontaneiros, Mar adiante, O cataventos e Festa no faiado. A súa novela Anagnórise, xa traducida ao castelán, obtivo un grande éxito entre os lectores, e figura na lista de honra do IBBY de 1990. Con Guedellas de seda e liño recibiu unha mención especial White Ravens 2002. Colaborou na redacción de libros de texto e dirixiu a colección Árbore da Editorial Galaxia dende 1988, ano da súa creación.