Estás aquí:

Código: 1278

Grial 175

12,00  IVE INCLUIDO
Cen anos de ciencia en Galicia.

A nova entrega da revista GRIAL conmemora o centenario da creación da Junta de Ampliación de Estudios (JAE), institución de enorme transcendencia cara á modernización da universidade e á investigación en España no primeiro terzo do século XX, tamén en Galicia. Inclúe, asemade, un interesante traballo do profesor Juan J. Moralejo sobre a intención de trasladar os restos do apóstolo Santiago a El Escorial durante o reinado de Felipe II.
Ciencia e tecnoloxía. Información e coñecemento. O investigador Uxío Labarta, membro do consello de GRIAL e responsable do CESIC en Galicia, coordina este número (175) dedicado á memoria da ciencia e ao desenvolvemento do coñecemento científico na sociedade galega, cuestión intimamente relacionada coas nosas capacidades de desenvolvemento social e económico.

Os traballos atinxen distintos ámbitos, dende a dimensión histórica, que aborda o catedrático Xosé A. Fraga, ata as relacións entre a Universidade e a Empresa, centradas principalmente na transferencia de tecnoloxía, que trata moi documentadamente Rogelio Conde-Pumpido, na actualidade Director Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do sistema universitario da Xunta de Galicia; pasando por aspectos máis específicos como a pesca (Ana Isabel Sinde, Ángel I. Fernández González, J. Giráldez), as renovacións do agro e a experiencia da Misión Biolóxica de Galicia (Armando Ordás) ou a experiencia de Sargadelos (Andrés Varela).

Trátase de considerar a ciencia e o desenvolvemento do coñecemento científico e da investigación a través das institucións que o fan posible, como alicerces da cultura e das capacidades de desenvolvemento e modernización da sociedade. Pensar a cultura sen a ciencia e a técnica é un absurdo histórico. Este número de GRIAL fai repaso a un século de lagoas, esperanzas, frustracións e entusiasmos varios: crónica de nós, en definitiva. Como en números anteriores sumámonos á memoria do que fomos, moi fundamentalmente para poder construír o que queremos ser.

No mesmo número ofrécense algúns outros traballos de interese: os intentos de trasladar o Corpo Santo do apóstolo Santiago ao mosteiro de El Escorial, por exemplo, durante o reinado de Felipe II. O catedrático da Universidade de Santiago, Juan José Moralejo, con humor e rigor, exhuma un documento histórico de especial relevancia: o Memorial para o Ilmo. y Rmo. señor cardenal Sigüenza, redactado polo inquisidor de Valladolid, doutor Quijano de Mercado, contra 1569. No interesantísimo texto dáse conta das intencións e mais dos pros e dos contras de semellante idea, que seica rondou polos arredores do monarca español.

No capítulo de letras, ademais das seccións dedicadas á creación (Olga Novo e Manuel Darriba) e do Espello das Letras (crítica de novidades editoriais), inclúese un ensaio conmemorativo do centenario do escritor Miguel Torga, preparado por Xosé Manuel Dasilva, no que entre outras cuestións relevantes se aborda a relación que o autor de Trás-Os-Montes tiña con Galicia.

A conversa que trimestralmente incorporamos foi realizada nesta ocasión por Jorge Sacido, que aproveitou a recente estadía en Compostela do pensador Slavoj Zizek. Con lucidez, o filósofo repasa algunhas cuestións candentes das sociedades contemporáneas: dende as organizacións sociais e a crise actual das ideoloxías ata a guerra de Iraq, a administración Bush ou o pensamento de Hegel e Lacan.
Ramón Maiz, catedrático da Ciencia Política da Universidade de Santiago, cerra o número cun importante ensaio sobre nacionalismo e federalismo, sen dúbida unha das súas especialidades, contribución ao discurso que no seu momento iniciamos no número de GRIAL dedicado á "España posible" (vid GRIAL, 164).

Comparte nas túas redes sociais ou por email

Detalles do libro

Páxinas: 160
Deseño: Rústica
Data Publicación:
Dimensións 18,5 x 27 cm mm.
Colección: Grial
Nº na colección:
Edición: 1ª
Editorial: Galaxia
ISBN:
Observacións:

Novas relacionadas con este libro

Eventos relacionados con este libro

AUTORES/AS

VV.AA.

As súas obras

Guía da Galiza máxica, mítica e lendaria
foto
esgotado