Nunha tardiña atlántica, de pura tradición viguesa, celebrouse no segundo andar do edificio situado na banda oeste do peirao de trasatlánticos, a un tiro de pedra do porto pesqueiro. O acto foi introducido por Uxío Labarta, director do CSIC en Galicia, que deu paso aos participantes: Xesús Paz Arias, Presidente da Autoridade Portuaria; Xosé Antonio Fraga, Comisario da exposición; Alfonso Paz-Andrade, Vicepresidente de Caixa Galicia, e Rafael Rodrigo Montero, Vicepresidente de Organización e Relacións Institucionais do CSIC.
Xesús Paz felicitouse de que o Porto de Vigo volvese a recibir no seu recinto unha actividade cultural e de ámbito científico coma a exposición REDES DE COÑECEMENTO, que pón de manifesto a traxectoria de esforzos que se veñen realizando, históricamente, a prol do avance de Galicia, e de Vigo en particular, no contexto europeo e mundial. Xosé Antonio Fraga explicou, brevemente, a orixe da iniciativa e a vontade do CSIC de espallala por Galicia para maior coñecemento público dun devir histórico, controvertido nalgúns casos, pero orixinal, xeneroso e de alta cualidade. Comentou, tamén, a organización do catálogo, fiel reflexo da estrutura de exposición, salientando que ambos pretendían ser unha homenaxe a todos aqueles científicos galegos, tamén os que traballaron en Galicia, que viron tronzadas as súas carreiras, e nalgún caso a súa vida, pola desgraza da Guerra Civil e a represión desatada desde o seu comezo.
Alfonso Paz-Andrade, como membro dunha institución financeira con fondas raíces no país e con intereses nos eidos da ciencia e da industria, salientou a importancia de iniciativas coma a que nos convocaba e de produtos como a exposición aberta na Estación Marítima. Por último, Rafael Rodrigo Montero comentou a alta calidade da información posta a disposición do público, tanto en materiais e documentos como en textos explicativos, para de seguido ligar este evento, de xeito coherente, coa razonable posición da ciencia española, parte dela feita en Galicia, no panorama científico internacional. Unha posición mellorable, como é vontade da dirección do CSIC e demostran a serie de proxectos institucionais postos en marcha, os concertos coa Administración galega e a creación de novos centros de investigación no país.
Ao remate do acto, os asistentes realizaron unha visita á exposición antes de compartir un viño de agasallo na propia Estación Marítima, onde entraron en animada conversa. Entre o público estaba a Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón; Aida Fernández Ríos, directora do Instituto de Investigacións Mariñas; Pablo Carrera, director do Museo do Mar de Galicia; Elvira Larriba Leira, do Grupo Municipal do Partido Popular; Bieito Ledo, director de Ir Indo Edicións; Xosé Fernández Puga, Conselleiro Delegado de Edicións A Nosa Terra; Jesús Souza Troncoso, Decano da Facultade de Ciencias do Mar; Jorge de los Bueis Mellado, presidente da Asociación de Oceanógrafos de Galicia, entre outros moitos amigos que alegraron o día.