Estás aquí:

Código: 1286

Grial 183

12,00  IVE INCLUIDO
Entre os anxos e os mortos. Lembrando a Rei Ballesteros
A revista GRIAL dedica este número a un dos escritores máis representativos da narrativa galega contemporánea, recentemente falecido (outubro de 2008), autor de Dos anxos e dos mortos (1977), Xogo de damas (1988), Loaira (1992), Tempo e vinganza (2003), Non sei cando nos veremos (2005), entre outros textos. Editorial Galaxia anuncia a inmediata saída, na súa colección Literaria, dunha novela póstuma: A noite do moucho. A publicación de Dos anxos e dos mortos (Editorial Castrelos. Colección Pombal) en 1977 considérase un dos fitos de referencia da nova xeración de narradores que comenza a expresarse a partir de 1975 e 1980, no novo tempo de creación, expresión e pensamento que se inaugura coas liberdades democráticas.

Dolores Vilavedra, Basilio Lourenço, Xosé María Álvarez Cáccamo, Mabel Rivera, César Antonio Molina, Carlos Fernández, Manuel Castelao e Xulio Lago abordan, dende distintas ópticas, a súa relación co escritor e coa súa obra. En certa medida trátase de situar o tempo narrativo desa xeración, á que Anxo Rei Ballesteros pertence. Unha oportunidade para revisar, e concretar, unha das producións máis valiosas da nosa literatura e, ao mesmo tempo, sistematizar o período que nos ocupa: a contemporaneidade das nosas letras.

A maiores, recuperamos textos inéditos ou pouco coñecidos do escritor: "Un tal Valmont", "Exaltación da peste", "O Revolver", "Carta inacabada a Xoán González Millán"... En palabras do desaparecido crítico literario (González Millán), Rei Ballesteros ´"é un dos proxectos novelísticos máis complexos e ambiciosos da historia da narrativa galega". Velaquí unha homenaxe necesaria a un dos nosos grandes autores contemporáneos, formulado así: sen complexos.

GRIAL participa deste xeito na discusión do noso canon literario. Poucos creadores tan instalados na literatura e tan conscientes da significación do seu traballo literario coma o que nesta ocasión nos ocupa. Sen dúbida, o lector terá tamén algo que dicir.

No ámbito da lingua (Temas do noso tempo), Henrique Monteagudo reflexiona sobre o idioma e a cidadanía, Víctor Santidrián analiza a relación do movemento obreiro en Galicia coa lingua galega e Rafael Adán lévanos, unha vez máis, ás fronteiras lingüísticas do Bierzo.

Xosé Manuel Beiras escribe sobre Otero Pedrayo. Reproducimos o texto que este autor leu na homenaxe que se lle tributou na Casa Grande de Cimadevila, cando en xuño deste ano a Fundación Otero Pedrayo lle concedeu o Premio Trasalba, e Xosé Manuel Dasilva volve sobre a súa liña de investigación (as relacións da lingua galega coa censura franquista) a través dos textos e a edición da obra de Ramón Cabanillas, de quen este ano conmemoramos os cincuenta anos do seu pasamento.

Textos para a reflexión, a información e o debate, que conforman a entrega do número 183 de GRIAL, xunto coas habituais seccións de Espello das letras (crítica de libros), Crónica (Carta de Kreuzberg, Berlín, que escribe Xavier Queipo) e Comunicación e Cultura: "Vivencia e exaltación de Rosalía de Castro" de Víctor Fuentes, ensaísta e catedrático emérito da Universidade de California-Santa Bárbara, con quen Henrique Monteagudo mantiña unha conversa demorada no número 180 da nosa revista.

Comparte nas túas redes sociais ou por email

Detalles do libro

Páxinas: 160
Deseño: Rústica
Data Publicación:
Dimensións 18,5 x27 cm mm.
Colección: Grial
Nº na colección:
Edición: 1ª
Editorial: Galaxia
ISBN:
Observacións:

Novas relacionadas con este libro

Eventos relacionados con este libro

AUTORES/AS

VV.AA.

As súas obras

Galicia e o mar. Estudios de economía pesqueira
foto
23.05€ CON IVE