A escritora inglesa Agatha Christie (1891-1976) foi unha prolífica autora de novelas policíacas, que lle deron sona mundial. Os seus relatos caracterízanse polos desenlaces sorprendentes. Creou dous detectives moi orixinais como protagonistas da maioría dos seus relatos: Hercules Poirot e Miss Marple, anticuados e entrañables como a sociedade en que se moven. Entre as novelas máis célebres de Agatha Christie atópanse cinco publicadas en galego por Editorial Galaxia na súa colección Biblioteca Agatha Christie: O asasinato de Roger Ackroyd, Asasinato no Orient Express, Cianuro espumoso, Dez negriños e Pano. O derradeiro caso de Poirot.
Foi autora ademais de obras teatrais como A ratoeira e Testemuña de cargo. Escribiu tamén novelas románticas baixo o pseudónimo de Mary Westmacott. As súas historias foron levadas en múltiples ocasións ao cinema e á televisión.