O odio e a vinganza como motores vitais.
Nun estado policial, dous militares das forzas de represión deteñen e reclúen unha muller, á que someten a un violento e cruel interrogatorio. Anos despois, o azar fai que os destinos deses dous homes se volvan cruzar tamén traxicamente.
Coa circularidade do tempo e as relacións de poder como pano de fondo, Manuel Darriba escribe unha historia con maneira de thriller. A enganosa simplicidade do texto esconde en realidade unha complexidade turbia, a do ser humano nas súas manifestacións extremas.

Manuel Darriba (Sarria, 1973) é poeta, narrador e guionista. Autor de poemarios coma Calor ou Os indios deixaron os verdes prados (Premio González Garcés 2010); do libro de relatos Elefante e de novelas como O bosque é grande e profundo (proposta ao Premio de Novela Europea Casino de Santiago 2013), Accidental e Velada do billarista (Premio Lueiro Rey 2000), as tres traducidas ao castelán. Como guionista profesional, escribe en series de ficción para dentro e fóra de Galicia e dirixiu varios filmes documentais.