Palabra exclusivamente oteriana, Bocarribeira é a verba-cifra do universo poético de Ramón Otero Pedrayo.
Poemario, Bocarribeira, publicado por primeira vez no ano 1958 na colección Brais Pinto, os poemas están transidos de reverente emoción cósmica. É terra no tempo, paisaxe. Un enreixado de camiños que van do ledo ao triste, do presente ao pasado, polos que avanza o xogo da vida e da morte nun latexar vibrante de luces e sombras.
A obra dun gran poeta, imprescindible á hora de valorar a poesía galega do século XX.
Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888-1976) é unha das máis sobranceiras figuras da Historia da cultura galega. Membro destacado da Xeración Nós, a súa traxectoria vital e intelectual vai dende as cortes republicanas, nas que foi deputado galeguista, ata a presidencia de Editorial Galaxia, cargo que desempeñou ata a súa morte. Foi tamén presidente do Seminario de Estudos Galegos e catedrático de Xeografia na Universidade de Santiago. Otero Pedrayo foi un escritor que cultivou todos os xéneros literarios, dende a poesía ao teatro, pasando pola novela, o relato, o xornalismo e, por suposto, o ensaio. Da súa obra literaria cómpre salientar as novelas Os camiños da vida (1928), Arredor de si (1930) e O señorito da Reboraina (1960), os ensaios sobre a paisaxe e a cultura de Galicia, o poemario Bocarribeira (1958) e a súa achega ao eido teatral.