En 1988 chegaba ás librarías Baleas e Baleas, o primeiro e único poemario en galego asinado por Luisa Castro ata a data, e que reaparece agora trinta anos despois convertido nun libro de culto.
Considerado como un dos títulos máis rompedores das últimas décadas do pasado século, o discurso provocador e profético de Baleas e baleas non deixou indiferente nin a crítica nin a lectores. Alfaia das máis importantes renovacións poéticas das últimas promocións, Dombate reedita agora este clásico contemporáneo.
(Foz, 1966) é autora de media ducia de poemarios, entre os que se contan Los versos del eunuco (Premio Hiperión, 1986) e Los hábitos del artillero (Premio Rey Juan Carlos, 1989), e de novelas e relatos como El somier (1990), Viajes con mi padre (2003), Podría hacerte daño (Premio Torrente Ballester, 2005) e La segunda mujer (Premio Biblioteca Breve, 2006). Escritora en dúas linguas, tanto en galego como en castelán, é colaboradora habitual na prensa de Galicia e Madrid. Nos últimos anos foi directora do Instituto Cervantes de Nápoles e actualmente dirixe o de Bordeos, onde reside.