PREMIO GARCÍA BARROS 2018
Mona Otero é unha muller loitadora e soñadora que persegue con ansia, e mesmo con deseperación, a súa meta de triunfar no mundo da arte. A protagonista, sancionada coa perda do carné de conducir, non pode dispoñer de coche propio, polo que depende doutras persoas para desprazarse. Toda a historia que se narra en As ramonas emana do interior de sucesivos vehículos desde os que a protagonista nos vai amosando un rosario de factores que delimitan a súa existencia: a competitividade, a autoestima, os odios, a pobreza, a familia, o abandono, as aparencias, a falsidade do éxito, a dignidade. Mais Mona Otero é só un fío do nobelo no que se vai xuntando co outras ramonas -unhas veces complementarias, outras opostas- e a partir do cal van formando un complexo mundo de mulleres. A novela de Ana Cabaleiro é, ademais, o retrato dunha sociedade rural en mutación, cun pé asentado na tradición e nos lazos familiares e co outro alancando cara á globalización

(Saídres, Silleda, 1974) é licenciada en Xornalismo, profesión que exerce intermitentemente desde hai dúas décadas. Cursou, ademais, o Máster en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura da USC, no que investigou e publicou sobre contracultura e ciberactivismo artístico. Tamén ten traballado no eido da discapacidade intelectual e no da cooperación ao desenvolvemento.
Como autora, formouse en obradoiros e cursos de escrita, sempre na procura de voces femininas coas que abeirar as mareas da vida. Froito desta experiencias nace a compilación de relatos Sapos e Sereas, a súa primeira obra publicada. Como muller con raíces no rural, aínda conserva unha lagoa con máis dun millón de sapos e dúas ducias de ras cantoras.