Unha anciá que camiña con zapatillas rotas, unha rapaza rescatada dun colector do lixo, un ancián que se esforzou por cumprir un xuramento que non debeu pronunciar, un rapaz que toca o tambor e fai bolboretas de papel, unha moza boliviana que non quere ser moeda de cambio de ninguén, unha rapaza que ceba o mate nunha noite de choiva e fastío ou unha nena xudía no gueto de Varsovia son algúns dos protagonistas destes relatos. Todos eles achegan o seu particular punto de vista dos segredos, arelas, decepcións ou vergoñas que marcan a súa vida; unha visión nunca coincidente coa das outras persoas que comparten os mesmos sucesos, porque a verdade, coma os diamantes, é distinta segundo o ángulo desde a que a observemos.
Relatos que se entrecruzan e personaxes que reaparecen en distintas etapas vitais, creando unha historia plural que abrangue máis de oitenta anos.
(O Páramo, 1961) desenvolveu a súa actividade docente en Ourense como profesora de ensino secundario e universitario.
En Galaxia publicou na colección Literaria a novela Unha verdade amarga e o libro de relatos Corte e confección, e para o público xuvenil as novelas A boca do monte (colección Costa Oeste, finalista do Premio Frei Martín Sarmiento 2016), Rugando, o misterio do cuarto secreto (colección Costa Oeste, Premio Pura e Dora Vázquez 2012) e a obra teatral Unha estrela para Amina (colección Árbore, Premio O Facho de Teatro Infantil 2019).
Publicou ademais a novela xuvenil Adeliña (Premio Pura e Dora Vázquez, 2003) e as obras teatrais Cataventos e cía. (Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, 2004), O castelo de Pena Redonda, o máis tolo da contorna (Premio O Facho de Teatro Infantil 2016) e Velaí vai o papaventos (2014).
É tamén autora do libro de pasatempos Restra de letras (2002), do ensaio literario Voces na terra (1995) e de materiais didácticos para a aprendizaxe da lingua galega.