Coa celebración do seu 75 aniversario, Editorial Galaxia recupera o espírito innovador que demostrou nas súas publicacións dende 1950, traendo ao lectorado de hoxe moitas destas obras que supuxeron unha renovación do mundo cultural galego, e por extensión, tamén da súa sociedade, grazas a Biblioteca 75 anos. O novo volume desta colección, recupera os 7 ensaios sobre Rosalía, publicados por Galaxia en plena posguerra, e que dan testemuño da persistencia de Rosalía de Castro na memoria cultural galega, un fenómeno que ilustra o principio xeral de que o pasado é un asunto do presente. Aos ensaios orixinais incorpórase un oitavo, obra da poeta, investigadora e profesora Maria do Cebreiro Rábade Villar.

María do Cebreiro (Santiago de Compostela, 1976) é poeta e profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada na Universidade de Santiago de Compostela. É autora de ensaios, antoloxías e de máis dunha ducia de poemarios entre os que destaca a triloxía composta por Os inocentes (2014), O deserto (2015, Premio da Crítica Española e Premio da Crítica de Galicia), e A lentitude (2017).

Médico, naceu en Lugo en Lugo en 1905 e morreu en Madrid en 1994. Foi membro de numerosas academias e sociedades científicas e publicou máis de trescentos traballos médicos, entre os que figuran La medicina natural (1952) e Biología y psicoanálisis (1972). É autor ademais dun ensaio moi relevante en lingua galega, Mito e realidade da terra nai, aparecido en 1957. Ademais publicou numerosos artigos na revista Grial.

Luís Pimentel (Luís Vázquez Fernández, Lugo 1895-1958). Médico de profesión, en 1914 comeza os seus estudos universitarios en Compostela e en 1922 viaxa a Madrid para cursar a especialización, alí frecuentaría a Residencia de Estudiantes e será cando comece o seu interese polos poetas españois da Xeración de 1927. Ao volver a Lugo, inicia as súas colaboracións na revista Ronsel e noutras publicacións e xornais, entrando en contacto con Celestino Fernández de la Vega e Ánxel Fole, entre outros. Aínda que empezou a escribir xa dende moi novo, o seu primeiro libro en galego non saíu ata despois da Guerra Civil baixo o título Triscos (1950). Tanto nel como en Sombra do aire na herba, publicado postumamente (1959), amosa a súa condición de poeta cunha sensibilidade particular que aproveita elementos impresionistas e intimistas para unhas composicións de grande mestría formal e expresiva. En 1960 publícase, cun prólogo de Dámaso Alonso, o poemario en castelán Barco sin luces. Un dos seus poemas máis coñecidos é o titulado “A Rosalía” que comeza coas famosas palabras “Non convén chorar máis…”.

O filósofo e político Ramón Piñeiro (1915-1990) xogou un papel básico na política e a cultura galega do século XX, especialmente dende a posguerra. Foi fundador de Editorial Galaxia e codirector de Grial. Como autor, adoptou preferentemente unha perspectiva filosófica, dende a que abordou o tema da saudade, en obras como Filosofía da saudade.
Foi o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas do ano 2009.

Naceu en Santiago de Compostela en 1909 e morreu na Coruña en 2003. Este escritor, político e médico é unha das figuras máis recoñecidas e respectadas do pensamento galego do século XX. Destacou no ámbito da medicina en temas de metabolismo e nutrición. De 1981 a 1996 foi delegado do Goberno en Galicia. Na súa producción como escritor elaborou numerosas biografías de artistas e intelectuais de Galicia e de fóra do país, e tratou temas como o erotismo, a morte e a saudade. Destacan Rosalía y su sombra, Análise existencial do home galego enfermo e outros ensaios, Os gromos do pensamento e Paseata arredor da morte.
García-Sabell foi presidente da Real Academia Galega e académico numerario das academias de Belas Artes, Ciencias e Medicinia e Cirurxía. Presidiu a Editorial Galaxia, foi conselleiro da Fundación Penzol e recibiu entre outros recoñecementos o Premio das Artes e das Letras de Galicia (1998).

Celestino Fernández de la Vega (Friol, 1914-Lugo, 1986), avogado e ensaísta. É un dos maiores expoñentes do ensaio galego xurdido na década de 1960 ao redor de Editorial Galaxia. Foi un dos introdutores en Galicia do pensamento de Martin Heidegger, de quen traduciu en 1956, xunto con Ramón Piñeiro, Da esencia da verdade.
Escribiu numerosos artigos de prensa en publicacións como Faro de Vigo, La Voz de Galicia, La Noche e El Progreso.