Obradoiro de Poesía da Escola de Letras con Antonio García Teijeiro

Categoría: Nova

Os cursos da Escola de Letras volven a retomar a presencialidade, achegando a palabra ás alumnas e alumnos, nas cidades de Vigo e Pontevedra.
Neste caso, o obradoiro de Poesía con Antonio García Teijeiro, da Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e da Editorial Galaxia, celebrarase en Pontevedra os días 2 e 9 de xuño, no salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación Provincial de Pontevedra (Avda. Montero Ríos, s/n),  en horario de 18 a 20 h.
Acompañando o docente, xunto a deputada de Cultura e Igualdade da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso Méndez, presentará o obradoiro Carlos Lema, director de edicións de Editorial Galaxia.
Todas e todos os asistentes ao obradoiro podarán gozar da oportunidade de aprender cun dos mellores poetas do noso país. García Teijeiro ensinará ao alumnado a súa visión e amor pola palabra, unha maneira fantástica de abrazar o mundo da escrita.
Antonio García Teijeiro naceu en Vigo en 1952. É profesor, escritor e crítico de literatura infantil. Obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2017. Galardoado co Premio Merlín por Na fogueira dos versos, entrou na lista de honra do Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY, polas súas siglas en inglés), e concedéuselle o Premio Pier Paolo Vergerio da Universidade de Padua (Italia), un dos máis prestixiosos de Europa. Co poemario Arredor do teu corpo gañou o Premio Illas Sisargas. Estes son só algúns dos moitos recoñecementos que atesoura. Algúns dos seus poemas foron musicados por grupos de Galicia e músicos coma Antón Seoane e Paco Ibáñez. Mantén unha intensa actividade na rede co seu blog Versos e Aloumiños. Na Editorial Galaxia publico libros como o recente Bicos e non balas, Lista de Honra OEPLI 2020, ilustrado por Bea Gregores, Petando nas portas de Dylan ou Raiolas de sol.

Comparte nas túas redes sociais ou por email