Fantástico achegamento á poesía para aqueles lectores que xa comezan a etapa preadolescente, tendo en conta os seus gustos musicais e as posibilidades que a música pop ofrece para ler doutro xeito a poesía.
Petando nas portas dos sentimentos. Petando cos versos na vida, abríndoa, facendo que as palabras canten. Como cantan os poemas de Bob, pero doutro xeito. Como soa o corazón. Como asubía o vento e brúa o mar...
Velaquí un poemario que fala da vida, en todas as súas facetas. Que nos fai entender que a poesía é necesaria para sobrevivir. Que non hai nada mellor ca o mundo entendido en clave poética. E que un libro de versos pode recoller o universo. Velaquí un libro no que poesía, vida e ti vos daredes a man.
Antonio García Teijeiro naceu en Vigo en 1952. É profesor, escritor e crítico de literatura infantil. Galardoado co Premio Merlín por Na fogueira dos versos, entrou na Lista de Honra do IBBY e concedéuselle o Premio Pier Paolo Vergerio da Universidade de Padua (Italia), un dos máis prestixiosos de Europa. Co poemario Arredor do teu corpo gañou o Premio Illas Sisargas. Pero estes son só algúns dos moitos recoñecementos que atesoura.
Algúns dos seus poemas foron musicados por grupos de Galicia e por músicos como Antón Seoane e Paco Ibáñez.
Mantén unha intensa actividade na rede dende o blog Versos e aloumiños.
Foi premio nacional de literatura infantil e xuvenil en 2017.