A Editorial Galaxia presenta o acceso ao completo dos 200 números da revista Grial

Categoría: Nova

Desde hoxe é posible acceder por completo aos 200 primeiros números da revista Grial, en formato pdf, de maneira ‘online’, continuando coa proposta, da Editorial Galaxia, de facilitar estes contidos de alto valor ao público xeral.
Galaxia ofrece unha fantástica oportunidade para que toda e todo aquel que teña interese poida acceder a esta ferramenta, idónea para aplicala no campo da investigación. Unha revista que foi dirixida desde o seu nacemento por personalidades da altura de Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego; Carlos Casares e Víctor F. Freixanes con Henrique Monteagudo, onde colaboraron as sinaturas máis senlleiras do noso país e do ámbito internacional.
Grial é unha obra construída por varias xeracións, entregadas con ilusión e esperanza á reconstrución e conservación da nosa cultura. O seu obxectivo foi, desde o principio, contribuír ao prestixio cultural da lingua e da cultura galegas, dentro e fóra do país, universalizalas, e incorporar a mocidade á súa defensa.
Un soño que é hoxe unha realidade á que todas e todos podemos acceder, de balde, na nosa páxina web. Botade unha ollada premendo aquí.
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email