José Antonio Gurriarán presenta As mulleres do monte no Barco de Valdeorras

Categoría: Nova

O escritor e xornalista José Antonio Gurriarán presentará mañá mércores 21 de outubro, ás 19h30, no Edificio Multiusos do Barco de Valdeorras o libro As mulleres do monte, sobre o papel das mulleres no maquis. Acompañarano Alfredo García e Margarida Pizcueta, alcalde e concelleira de Educación e Cultura de O Barco; Aurelio Blanco Trincado, presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses; Santiago Macías, fundador da Asociación para a Rercuperación da Memoria Histórica; e Víctor F. Freixanes, director xeral de Editorial Galaxia.

As mulleres do monte é o resultado da busca de testemuños e documentos realizada durante varios anos polo xornalista ourensán, investigación que iniciou para completar as lembranzas da súa infancia no Barco de Valdeorras, onde eran frecuentes os enfrontamentos entre forzas policiais e guerrilleiros, popularmente coñecidos como fuxidos ou "os do monte". José Antonio Gurriarán descubriu, dese xeito, o importante papel das mulleres no maquis, fornecendo refuxio e apoio aos fuxidos. Moitas desas mulleres levaban practicamente o peso do Servicio de Información da República. Foi o caso de Paquina Nieto, por cuxa froitería pasaban gran parte das mensaxes secretas dos fuxidos; de Matilde Franco, de Cacabelos, moi hábil para obter información sobre as operacións antiguerrilla dos seus "amigos" do cuartel da Garda Civil. Mais só as mulleres que foron torturadas, ou estaban ameazadas de morte, foron autorizadas a unirse aos do monte como guerrilleiras. Hoxe cóntanse cos dedos dunha manas mulleres do monte sobreviventes. Todas elas tamén merecen a homenaxe deste libro.

Comparte nas túas redes sociais ou por email