Coma antes

Categoría: Opinión

Os nosos (des)gobernantes veñen de decidir –sen que ninguén conseguise impedilo– que as nenas e nenos galegos poderán escoller a lingua en que empregar os libros de texto. Estantismo do vello, retroceso sen precedentes, paralización que me fai viaxar máis de 30 anos no tempo. Quizais a ese1979 en que se promulgaba o polémico Decreto de Bilingüismo. Alí cando o galego era na meirande parte dos casos unha materia que se ensinaba e non unha lingua vehicular.
Nesa mesma etapa, a literatura infantil e xuvenil de noso comezaba a medrar, avanzando paseniñamente e con certo medo. Cando revisito eses textos sinto unha mestura de tenrura e de estrañeza. A tenrura vén pola parte do arrecendo que deixa todo o iniciático, as primeiras veces. A estrañeza chégame pola ideoloxía tan evidente, e ás veces tan agresiva, que deitan. Lembro especialmente unha desas obras, Coma nós (1977) de Ramiro Cartelle. Nela Toñito, un rapaz da vila, recibe unha tunda na aldea por non falar galego (e a tunda –para que sexa ideoloxicamente máis efectiva, detecten a miña ironía- dálla unha nena!). A obra ten un premio que nunca entendín. Agora sei que tampouco o fago. Mais tamén coñezo unha dor: a da historia que volve sobre si. Enguedellándose.

Comparte nas túas redes sociais ou por email