Sen remexer

Categoría: Opinión

Non se pode remexer todo. Hai ingredientes que custa ligar. Por iso non entendo esa teima de mesturar o lucro económico con tódalas cousas e actividades. Coa cultura non sempre é un bo aliado. E disto sempre hai quen saca proveito.
Por unha banda están os que só traballan na cultura para obter un beneficio económico considerable, sen ter en conta criterios básicos como a calidade do que se fai. Por outro lado, están os que aproveitan que “a cultura só ten que ser cultura”, para pedir aos creadores calquera favor sen compensárllelo.
O tempo é o ben máis prezado, ilimitado e sen volta atrás, o que esprememos para sacarlle o máximo rendemento; só o podemos gozar unha vez, porque pasa, foxe.
Estar disposta a trocar unhas horas deitada sobre a area da praia por desenvolver un traballo literario, non significa que sexa unha obriga.
Aos escritores gústalles escribir, aos ilustradores ilustrar, aos músicos tocar… Todos os creadores necesitamos que o traballo que desenvolvemos sexa recoñecido dalgún xeito para axudarnos a crer nel, e para darlle o valor que se merece.
Hai excepcións e concesións, pero non pode converterse en norma. Como non pode ser que haxa favoritismos neste eido.
Tomemos nós a nosa cultura en serio se de verdade queremos que así a vexan os demais.

Comparte nas túas redes sociais ou por email