Este ciclo de mesas redondas é unha actividade complementaria á exposición de homenaxe a Ricardo García Suárez, Xohán Ledo, aberta dende o pasado día 20 no Museo Municipal de Vigo ‘Quiñones de León’, no Pazo de Castrelos, que poderá ser visitada ata o 20 de xaneiro do vindeiro ano. Ambos eventos están organizados por Editorial Galaxia, producidos por Merlín Comunicación e contan co patrocinio da Consellería de Cultura e Deporte do goberno galego, da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo e mais do Ministerio de Cultura do goberno de España.
O tema da primeira mesa, Xohán Ledo e a historia do libro galego, foi introducido por Gustavo Adolfo Garrido, comisario da exposición e moderador do acto, que salientou a traxectoria vital de Ricardo García Suárez (Ferrol, 1917- Vigo, 2006), viaxeiro consciente por todo un século, testemuña da sucesión das correntes artísticas, políticas e sociais do século XX.
Entre os participantes, Xosé Luís Franco Grande lembrou a súa relación persoal con Xohán Ledo, as tertulias da cafetería Suevia, na rúa de Policarpo Sanz, mais tamén o curioso equilibrio que mantiñan Francisco F. del Riego, Xaime Isla, Ramón Piñeiro e Xohán Ledo, "que non tiñan máis en común que o seu patriotismo, o anceio de sacar o país adiante". "Teño asistido, máis dunha vez, -contou Franco Grande encol da creatividade de Xohán Ledo- ao proceso de creación dunha cuberta a partir da nada". Así aconteceu coa cuberta e as ilustracións de Os Eidos (Uxío Novoneyra, 1955), "a máis nídia expresión gráfica do sentimento poético".
Víctor Freixanes fixo un breve percorrido pola historia do libro en Galicia, dende os primeiros códices miniados do século XI, pasando polos impresos na vila de Monterrei ata as coleccións Céltiga e Lar, a revista Nós, as edicións americanas de Luís Seoane, os libriños de O Moucho e a edición contemporánea. Situou a Xohán Ledo a rentes de Luís Seoane nos piares do libro galego moderno da posguerra, "desde o momento no que o artista ferrolán asumíu, a partir de 1950, a necesidade de darlle corpo de seu ao libro feito en Galicia".
María do Carme García Alonso referiuse á faceta máis entrañable de seu pai, a vida familiar, a relación cos fillos, a súa meticulosidade distraída, a pasión pola lectura e a tradución de Shakespeare. O humor dun home discreto, a relación epistolar con Carlos Maside e Luís Seoane. "Lémbrome de Seoane xunto a meu pai, pola casa adiante -salientou- era un home grande, educado e cariñoso".
Despois da intervención dos invitados abríuse un interesante coloquio cos asistentes, entre os que se atopaba a viúva de Xohán Ledo, amigos e lectores.