Primavera en Trasalba

Categoría: Nova

A cor amarela preside unha boa parte desta pintura de Virxilio, que se ofrece aos visitantes ata o próximo 1 de setembro. Segundo Otero Pedrayo, a cor amarela é a cor de Ourense, moi especialmente nesta época: a cor das mimosas (que aquí chaman acacias) e das xestas, a cor da flor do toxo e dos pampullos. Tamén da lúa e do ceo nos días quentes de xullo e de agosto. Así o recordou Xosé Luis Méndez Ferrín na súa intervención.

Numerosas persoas, que encheron o auditorio da Casa-Museo de Ramón Otero Pedrayo, asistiron ao acto de inauguración da exposición do pintor Virxilio, "Os chaos de Amoeiro", na que participaron, ademais do seu amigo o escritor Méndez Ferrín, os comisarios da mostra, Santiago Lamas e Luís Cochón, o presidente da Fundación Otero Pedrayo e director xeral de Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes, e a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo.

A exposición reúne unha ampla mostra da pintura de Virxilio, un dos nosos grandes pintores contemporáneos, inspirada nas paisaxes oterianas. Cada dez ou quince días o pintor irá renovando os cadros, segundo avance a estación, e a mostra estará aberta ata o próximo 1 de setembro. Durante estes meses haberá distintas actividades culturais, ademais de obradoiros de iniciación á pintura, pensados para rapazas e rapaces do concello de Amoeiro e dirixidos polo propio artista.

O próximo sábado, día 31, ás 19.30 horas, dentro dese programa de actividades celebrarase na Casa Grande de Cimadevila un recital poético, coordinado por Alfonso V. Monxardín, no que participarán Isolda Santiago, Baldo Ramos, Modesto Fraga, Rafa Villar e Manuel Outeiriño. A continuación actuará a Coral Polifónica do Casino do Carballiño.

Comparte nas túas redes sociais ou por email