Presentouse COCIÑAR CON ALGAS

Categoría: Nova

A cociñeira Eva Crespo Vázquez presentou este martes, en Librouro, acompañada de Clemente Fernández Sáa, de Algamar e autor do limiar do libro, e do editor Francisco Castro, o libro 'Cociñar con algas', receitario que nos amosa a enorme cantidade de posibilidades culinarias que ten a froita do mar, as algas, material no que Galicia é punteira e líder mundial.
A mesa estivo aderezada con bolsas repletas de algas para que o público puidese ver a súa presentación comercial. Mais, antes de chegar a esa forma, é necesario que pasen por un completo proceso de preparación que vai dende a recolección no mar, incluso no fondo mariño, ata a mesa dos consumidores. Por iso, foi especialmente revelador o audiovisual que puidemos ver ao comezo do acto, no que se explicaba todo este proceso e o tratamento que o produto recibe en todas as fases da súa elaboración.
E non menos interesante foi a disertación, seguida dun coloquio posterior, de Clemente Fernández Saa, quien explicou os tipos de algas, as súas virtudes dende o punto de vista alimentario e de saúde, ao tempo que aclarou as dúbidas de todos aqueles que quixeron preguntarlle todo tipo de cuestións relacionadas coas algas.
A cociñeira Eva Crespo, pola súa banda, explicou aos presentes que o libro, dalgunha maneira, viña sendo o camiño lóxico despois dunha carreira profesional de varias décadas centrada na cociña das e con algas. Amosouse emocionada e feliz por contribuir a que estes produtos, aínda tan descoñecidos e que, sen dúbida, coa publicación deste libro, vaian ser un pouco máis populares entre o público galego.

Comparte nas túas redes sociais ou por email