Presentouse 'Rosalía Pequeniña'

Categoría: Nova

Este luns presentouse no restaurante O Dezaseis de Santiago, o novo libro-disco de Uxía, 'Rosalía Pequeniña'. No acto, a cantante estivo acompañada de Magín Blanco, autor dun dos temas e do director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes. Entre o público, tamén estaba presente Marina Seoane, a autora das ilustracións.
A cantante de Mos reivindicou unha Rosalía "insubmisa e pirata" que é interpretada neste traballo cun amplo abano de ritmos, desde a muiñeira ao rock.
Para musicar os poemas, Uxía contou con boa parte dos compañeiros habituais, moitos deles, xa presentes no anterior 'María Fumaça'. Desta volta, colaboran voces e instrumentistas ben coñecidos da música galega coma Sés, Guadi Gallego, a Señora Carme, Sergio Tannus (autor dos arranxos de todos os temas), Isaac Palacín ou Santi Cribeiro, de Berrogüetto, ou o propio Magín Blanco.
"Como chove miudiño", "Has de cantar" "Paseniño", "Miña santiña, miña santasa", "Alborada" ou "Maio longo" son algúns dos poemas musicados nun disco que inclúe tamén unha recreación do poema de Curros dedicado a Rosalía e que popularizou no seu día Luis Emilio Batallán.

Comparte nas túas redes sociais ou por email