Presentación en Vigo de “Un intre no tempo. Poesía reunida (1967–2017)”, de X. L. Franco Grande

Categoría: Nova

O xoves 23 de outubro, ás 19:00 h, a Casa Galega da Cultura, Fundación Penzol, en Vigo, acollerá a presentación de Un intre no tempo. Poesía reunida. 1967–2017, un volume que recolle a obra poética completa de Xosé Luís Franco Grande.

A edición, ao coidado de Teresa Seara, reúne os catro poemarios publicados polo autor, Entre o si e o non (1967), O tempo á espreita (1987), Xoguetes do tempo (2015) e Libro das abandonadas (2017), e ofrece un percorrido vital e literario pola súa procura da identidade, dende o existencialismo e o fatalismo dos primeiros anos ata a paixón e o desamor da súa etapa final.

No acto intervirán Manuel Puga, presidente da Fundación Penzol; Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega; Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia; Teresa Seara, editora da obra; e Navia Franco e Rosalía Franco, fillas do homenaxeado.

Esta presentación supón tamén unha homenaxe á traxectoria e á voz poética de Franco Grande, integrante da xeración das Festas Minervais e colaborador histórico do proxecto cultural de Galaxia, que fixo da lingua e da reflexión sobre o tempo e a identidade o eixo da súa creación literaria.

Xosé Luís Franco Grande nace en Tebra (Tomiño) no ano 1936 e falece en Vigo no ano 2020. Estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e exerceu en Vigo a profesión de avogado. En 1978 foi nomeado académico de número na Real Academia Galega e leu o seu discurso de ingreso en 1998. Foi nomeado fillo predilecto do concello de Tomiño en 2011.

En 1967, publicou Entre o si e o non, co que obtivo o Premio Nacional de Poesía Rosalía de Castro. Autor do xa histórico Diccionario galego-castelán (1968) e do Vocabulario galego-castelán (1972), a súa obra poética publicouse reunida no volume Herdo de memoria e tempo (1987). En 2004, reeditou, ampliado, Os anos escuros, o seu testemuño sobre a resistencia cultural, e, en 2009, Cando o futuro comezaba, a súa correspondencia con Ramón Piñeiro entre 1955 e 1990. En 2013 deu ao prelo o ensaio Outra política para outros tempos e en 2015 o poemario Xoguetes do tempo. En 2019 publica A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Xulio Ríos, un libro dedicado á amizade.

Comparte nas túas redes sociais ou por email