A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) concedeu unha Mención Especial na II Edición dos Premios Benfeito de Consumo a Editorial Galaxia, en recoñecemento aos seus 75 anos de traxectoria ao servizo da cultura e da lingua galega.
Desde a súa fundación en 1950, Galaxia mantivo un compromiso inquebrantable coa promoción, preservación e dinamización do galego como lingua literaria e cultural, convertendo a literatura en galego nun ben accesible, desexable e de prestixio.
Segundo destacou a entidade organizadora, este recoñecemento quere poñer en valor “a calidade editorial, a aposta pola diversidade de voces, consagradas e emerxentes, e a valentía de abrir camiños para a literatura galega contemporánea”.
Os Premios Benfeito de Consumo naceron co obxectivo de recoñecer as achegas das empresas asentadas en Galicia ao tecido socioeconómico e social do país, e consolídanse nesta segunda edición como unha plataforma de referencia para o recoñecemento público do labor empresarial galego.
Xunto a Editorial Galaxia, recibirá tamén unha Mención Especial a empresa Florentino, pola súa contribución ao desenvolvemento económico e social de Galicia ao longo de máis de seis décadas no sector da moda.
A gala de entrega dos premios celebrarase o 6 de novembro de 2025, ás 19:30 horas, na Sala Eisenman da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.