“Crear porvir: 75 anos de Editorial Galaxia”, na Casa de Galicia en Madrid

Categoría: Uncategorized

A Casa de Galicia en Madrid acolleu un relatorio arredor dos 75 anos de Editorial Galaxia, impartido por Xesús Domínguez Dono, director de Produción da editorial, baixo o título Crear porvir. 75 anos de Editorial Galaxia.

Na súa intervención, Xesús Domínguez afondou na singularidade dunha empresa galeguista fundada con finalidade político-cultural, que contribuíu a achegar porvir á cultura galega en tempos escuros, consolidándose como pioneira no mundo editorial galego en moitos ámbitos.

Ao longo da súa exposición, destacou a importancia da literatura infantil e xuvenil, o labor da editorial na tradución de autoras e autores de culturas diversas e o seu papel precursor na publicación de poetas mulleres en tempos da ditadura, un compromiso que se pode comprobar na antoloxía As poetas da colección Salnés, escolma a cargo de Patricia Arias Chachero, volume que abre a colección Biblioteca 75 anos.

O encontro serviu tamén para poñer en valor a traxectoria de Galaxia como proxecto estratéxico galeguista, comprometido coa recuperación e promoción da lingua e da cultura galegas.

Durante o acto, Xesús Domínguez fixo entrega ao director da Casa de Galicia, Luís E. Ramos, dun exemplar de “Crear porvir. 75 anos de Editorial Galaxia”, unha edición conmemorativa, símbolo dun legado editorial que continúa a construír futuro.

Comparte nas túas redes sociais ou por email