Luís Rei (O Grove, 1960), bibliotecario e técnico de cultura do Concello de Cambados, traballou durante quince anos no que podemos considerar a gran biografía literaria do poeta das Irmandades, "poeta da raza" como se lle denominou no seu tempo, o autor de "A terra asoballada" e "Da noite estrelecida": Ramón Cabanillas.
Acompañaron ao autor no pazo de Torrado, na vila cambadesa, o académico Francisco Fernández Rei, o escritor Emilio Ínsua e o editor Víctor F. Freixanes, ademais das primeiras autoridades do concello e da provincia. Na mesma sesión inaugurouse a exposición "Ramón Cabanillas. A roseira dos recordos", comisariada tamén por Luís Rei e producida por Merlín Comunicación. No primeiro andar do pazo de Torrado os visitantes poden gozar igualmente de "Cabanillas e os artistas galegos do seu tempo", mostra promovida polo Museo de Pontevedra. A soprano Andrea Búa e o pianista Víctor Camacho ofreceron aos asistentes algunhas interpretacións de textos do poeta.
A vila de Cambados, patria do autor de "Vento mareiro", vén celebrando ao longo deste ano diversos actos arredor da figura de Ramón Cabanillas, de quen se cumpre agora medio século do seu pasamento. A presentación da biografía escrita por Luís Rei constitiu, sen dúbida, unha das xornadas máis sobranceiras, con abondosa participación de público, e unha das achegas máis importantes a este Ano Cabanillas.
Francisco Fernández Rei, académico e cambadés, abriu o acto con palabras de admiración e agradecemento para o autor do libro. Emilio Ínsua, que colaborou estreitamente con Luís Rei na elaboración do libro, calificouno coma un auténtico descubrimento, exemplo do que o xénero da biografía pode dar de si e "texto de obrigada referencia para coñecer a vida non sempre acougada do poeta e o tempo difícil que lle tocou vivir". O editor, pola súa banda, teimou na calidade do texto, na amenidade da súa lectura e na significación da obra de Ramón Cabanillas.