Levamos xa días comentando a marabillosa sorpresa editorial que supón o libro de receitas "A cociña de Larpeiros" do cociñeiro Benigno Campos. Falamos tamén das tres edicións, de catro mil exemplares cada unha, que leva en menos dun mes.
Onte, recabando informacións nalgunhas das máis grandes librerías de Galicia, soubemos que en termos obxectivos "A cociña de larpeiros" é o libro máis vendido do momento. Non o libro en galego máis vendido do momento. Senón o libro máis vendido en calquera idioma en Galicia.
Tomando como referencia Casa do Libro de Vigo, na última semana, incluso descontando os exemplares que se venderon co gallo da sinatura do autor, o libro "A cociña de larpeiros" sitúase por enriba dos tres libros da saga policial de Stieg Larsson. O quinto lugar, por certo, ocúpao a novela de Domingo Villar, "A praia dos afogados".
Un éxito editorial do que nos sentimos profundamente orgullosos.