Presentación do novo libro-disco de PIRILAMPO na Coruña

Categoría: Nova

O grupo de música infantil Pirilampo, do que vimos de publicar na colección Sonárbore o libro-disco LUCECÚS, ilustrado por Federico Fernández, actuará o vindeiro domingo no Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa da Coruña ás 12 horas.

Así é como se presentan eles mesmos na apertura deste traballo que presentan e que soará na cidade herculina:

"Aquí estamos PIRILAMPO. Así nos chaman, así somos chamados. Hai quen prefire tratarnos de vagalume. A nós, tanto nos da. O caso é ser chamado, nomeado, que é a maneira de existir na galaxia. Que nos chamen como queiran, máis neste percorrido que agora iniciamos imos ser Lucecús. Once lucecús a cantar a e a sumar a nosa voz á vosa voz, á voz do pai, á voz da nai, á voz da Terra que nos acolle.

Once lucecús a se deitar nas ondas do mar mentres a lúa bota o seu canto. Once lucecús a agardar por Pedro Chosco, que sempre nos atrapa e acaba por nos contar o mesmo conto, a bruxa pequeniña e boa que vivía un Castelo, viaxaba en vasoira, comía lacón con grelos e… non xogaba, non, non xogaba ao fútbol cos nenos.

Algún dos nosos irmáns, lucecú independente, pola noiteboa deixará castañas e galamos, e vai vir ver como nos portamos, apalpando as barriguiñas farturentas.

Once lucecús viaxamos neste libro, doce se contamos ao tío Nicanor, o que ten unha curuxa, un moucho e un gato branco.

Lucecús viaxantes nun barco de papel que navega ao vento, velas inchadas a dar a volta á Terra, seguindo o rumbo que marca aquela estrela, porque eu, aínda que son vagalume ou lucecú, xa sei camiñar. Camino, camino, camino, camino, xa sei amidñar. Levarei comigo sorrisos e soños, melodías e cantos, porque é cousa divertida isto de camiñar."

Comparte nas túas redes sociais ou por email